11 feb 2013

Alternativa Galega de Esquerda acusa á Xunta de esnaquizar o comercio de proximidade e de impoñer no sector a lei do máis forte


A modificación da lei de horarios de Galicia que pretende impulsar o Goberno de Feijóo destrúe emprego e non beneficia nin a consumidores nin a traballadores
Ler a emenda aquí.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a modificación de lei de horarios de que a Xunta do PP está a tramitar no Parlamento –e que mañá se someterá a votación en pleno- esnaquiza o comercio tradicional e de proximidade e non beneficia nin aos consumidores –así o amosan as enquisas do CIS ao respecto- nin moito menos aos traballadores. "Non hai demanda para unha ampliación e unha maior liberalización de horarios nin por parte dos consumidores nin por parte do pequeno comercio, para quen estas medidas prexudican os seus postos de traballo", indica o grupo parlamentario na emenda de devolución que redactou o deputado Antón Sánchez, "e benefician ás grandes superficies e precarizan o emprego".
Segundo AGE, a liberalización de horarios só favorece ás grandes empresas de distribución e significa a imposición da lei do máis forte. En obediencia ás directrices emanadas de organismos internacionais que non responden á soberanía popular, o Goberno de Feijóo traslada a Galicia a normativa do Estado sobre a materia, o que invade as competencias autonómicas en comercio interior. "É un paso máis no camiño contrario ao que Alternativa considera que é correcto, e a través dos que as grandes empresas de distribución acadan cada vez unha maior cota de mercado a costa do comercio local", explica o parlamentario, quen defende un "comercio máis próximo, máis sostible, que crea máis traballo e que axuda a manter vivos os centros urbanos de vilas e cidades".

Anova apoia as mobilizacións do persoal sanitario galego en febreiro


ANOVA–Irmandade Nacionalista fai un chamamento ao persoal do sistema sanitario e ao conxunto da cidadanía galega a participar activamente nas asembleas, concentracións e peches que se desenvolverán durante todo o mes de febreiro.
Queremos amosar a nosa solidariedade coas mobilizacións que promoven as persoas traballadoras en protesta polo progresivo desmantelamento da sanidade pública e contra os brutais recortes de dereitos laborais e salariais. Queremos denunciar tamén a precarización das súas condicións de traballo. Desde Anova opinamos que a degradación das condicións laborais dos profesionais e traballadores sanitarios repercuten directamente na atención dos pacientes e na calidade da atención que reciben. Estas medidas contra traballadores traballadoras súmanse aos recortes de dereitos sanitarios e ao copago.
Por todo o exposto consideramos que a loita de profesionais e traballadores do sistema público de saúde é a mesma que as da cidadania e persoas usuarias da sanidade, polo que só a alianza de ambos os dous colectivos pode frear o deterioro, desmantelamento e privatización dos servizos sanitarios no noso país.
ANOVA –Irmandade Nacionalista participará activamente, xunto ás organizacións sindicais e sociais que conforman a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, nas mobilizacións e peches que se desenvolverán ao longo do mes de febreiro. Tamén temos decidido apoiar todas as aquelas medidas que se decidan nas asembleas, a proposta do persoal sanitario.
ANOVA secunda, tamén, todos os peches de traballadoras e traballadores que rematarán coincidindo cunha concentración diante do parlamento galego.