4 abr 2014

DOCUMENTO DE AVALIACIÓN DA SITUACIÓN INTERNA DE ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA


A Coordinadora Comarcal de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Salnés acordou convocar unha Asemblea comarcal urxente para avaliar a situación interna de ANOVA, así coma o proceso de escolla de candidatas e candidatos para integrar na candidatura de Izquierda Unida ao Parlamento Europeo.

A Asemblea tivo lugar o venres 28 de marzo en Sisán – Ribadumia, e por parte de varios membros redactouse esta proposta, que foi aprobada por unaminidade das e dos presentes, coas resolucións que se expresan ao final da mesma, e co mandato de remitila a toda a militancia así como aos órganos de dirección colexiada da organización.

DOCUMENTO DE AVALIACIÓN DA SITUACIÓN INTERNA DE
ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA

Para comprender as resolucións que se propoñen convén lembrar e aclarar:

ALGÚNS DOS PRINCIPIOS FUNDACIONAIS DE ANOVA APROBADOS NA ASEMBLEA CONSTITUÍNTE:
  • Afirmar a vixencia dos principios inspiradores do nacionalismo galego; así como os seus obxectivos estratéxicos.
  • Considerar que a conquista da soberanía política de Galicia segue a ser un obxectivo.
  • Que a nosa acción política debe estar orientada ao servizo dos intereses das maiorías sociais.
  • Que debemos practicar a fraternidade e a cooperación fronte á competición, tanto no eido interno, coma na actuación política na sociedade.
  • Que acreditamos na participación de todas e de todos en pé de igualdade, no asemblearismo e na toma de decisións de abaixo cara a arriba.
  • Que estamos pola creación e consolidación dun novo referente político do nacionalismo e da esquerda en Galiza e ese referente denominouse ANOVA.

A ORIENTACIÓN DO TRABALLO DA MILITANCIA E AS ASEMBLEAS DE ANOVA – IN NO SALNÉS:

Coherentemente con eses principios, nos concellos do Salnés puxémonos a traballar -dende incluso antes xa da constitución formal de ANOVA- no que se chamou o Novo Proxecto Común, e constituímos as asembleas locais, onde se pode participar dun xeito aberto, incluso non militantes.

Apoiamos as demandas e denuncias que diferentes colectivos sociais tiveron no Salnés, como a loita das asociacións veciñais e culturais en Vilagarcía pola imposición da taxa polo uso dos locais públicos, a Plataforma contra o campo de golf do Grove ou as demandas de SOS – Panadeira en Sanxenxo. Participamos en unidade de acción con outras forzas do nacionalismo e da esquerda na defensa dos nosos servizos públicos, como por exemplo na Plataforma en defensa da sanidade pública.

Fixemos un labor de denuncia das políticas que os distintos gobernos do PP no Salnés queren levar a cabo para favorecer intereses particulares e en contra do interese xeral dos veciños e veciñas; casos como por exemplo o "pelotazo" urbanístico que o Concello de Vilanova quixo facer coa área comercial de Deiro, o de Cambados coa actuación nas comportas de Fefiñáns, ou apoiando o labor do concelleiro Enrique Oubiña en Ribadumia, onde é a referencia da oposión ao goberno Salomé Peña – Rafael Louzán.

Tamén traballamos arreo na campaña electoral de AGE nos pasados comicios autonómicos, e esforzámonos para que a coalición electoral na que participaba ANOVA tivese un gran resultado na nosa comarca. Pero mentres desenvolviamos este traballo, orientado ao asentamento e consolidación do proxecto de ANOVA na sociedade galega; a situación da organización a nivel nacional era a seguinte:

DERIVA DA ORGANIZACIÓN:
  • Temos que recoñecer que dende a “Asemblea Constituínte” de ANOVA a precipitación, as dinámicas e a presión de pequenos “grupúsculos” -iso si, fortemente organizados- polo control da organización foi evidente e marcou o día a día da organización.
  • A proposta de Fronte Ampla para as autonómicas serviu, nun principio, para suavizar a competencia interna, pero non podemos deixar de sospeitar de que todo tivo que ver cunha folla de ruta xa escrita, froito dun acordo previo entre Esquerda Unida e sectores de dentro da nosa organización.
  • Co resultado electoral abríanse moitas ilusións e expectativas, pero tamén o risco evidente de confusión do que foi unha estratexia puntual co que debe seguir a ser o camiño fundamental de ANOVA. Isto pode resumirse naquela frase “o espellismo do éxito de AGE pode terminar matanto ANOVA”.
  • Na última Asemblea Nacional fíxose evidente unha fractura interna, intensificada por un método de elección -listas abertas con corrección de número- que deu como resultado unha Coordinadora Nacional cunha forte división na que ademais estes “grupúsculos” están totamente “hiperrepresentados”. Comprobouse tamén como xa nesta asemblea había un amplo sector que avogaba por disolver Anova en AGE.
  • Nalgunhas localidades, ao mesmo tempo, persoas dunha das correntes organizadas dentro de Anova, protagonizaban feitos lamentables, como a creación de asembleas locais en paralelo ás oficiais (Redondela), a aprobación de regulamentos contrarios aos principios de Anova (Vigo), a negativa a constituír asemblea local (Cangas) ou a constitución ilegal dunha Coordinadora Comarcal no Morrazo sen o consentimento das asembleas locais da comarca; todo con continuos desplantes e ataques persoais a compañeiras e a compañeiros. Triste neste panorama é comprobar como incluso por parte de membros da propia Coordinadora Nacional se “encirraba” e daba cobertura a quen pretende deixar de lado os acordos da Asemblea e os principios fundacionais.
  • O debate sobre as alianzas cara ás eleccións europeas e o referendo posterior foi o seguinte pau nas rodas de Anova. Primeiro veu a aposta clara aínda que disimulada nos argumentos, dun sector de Anova por argallar unha alianza con IU Federal, dándolle as costas á denominada “fronte ampla”.
  • Logo recibimos, xa en vésperas do referendo, a carta asinada polo Voceiro Nacional, órgano electo que non se debía expresar en favor de ningunha opción. Pero o peor era que na carta explicaba que se producira unha negociación fóra das canles de Anova, allea á Coordinadora Nacional, e admitía, facendo uso dunha enrevesada retórica, a súa claudicación ante IU a cambio dun “posto seguro” para as europeas. Pretendía, e conseguiuno por 11 votos, mover a elección da alianza electoral cara ao lado federalista.
  • O seguinte foron as dimisións, o día despois do referendo, doutros dez membros da permanente que, incapaces de facer fronte á realización do aprobado o día anterior, honrosamente deixaron o seu posto para que o ocuparan persoas que se viran con ánimos para ese traballo. Resultou triste coñecer un día antes da Coordinadora Nacional na que esas dimisións se farían efectivas, a composición da nova Permanente grazas á foto dun pano de mesa dun restaurante.
  • Finalmente, antes incluso de que a CN debatera e acordara o proceso de escolla das candidatas e candidatos para as eleccións europeas, o noso Voceiro Nacional filtra e promociona o nome dunha candidata, que axiña foi refrendada por IU e Ecosocialistas, co que lle deron así o carácter de “candidata de AGE”, todo isto antes de que a militancia se posicionara e se coñeceran as condicións do pacto de integración das candidatas e candidatos na lista de IU, nin o programa que defenderían, ou como sería a campaña electoral ou o financiamento da mesma.
  • As e os membros dimisionarios da Permanente nacional e o sector “nacionalista” de ANOVA forzaron, en contra do criterio do Voceiro Nacional, que a persoa candidata fose elixida pola militancia, previo proceso de presentación de candidaturas e o envío ás bases do acordo con IU.
  • O acordo chegou días máis tarde, en vésperas de que rematara o prazo para candidatarse, logo de ser reclamado insistentemente, pero resultou que o papel enviado non era máis ca un esquema xeral, feito “ad hoc” que apenas contiña información relevante. Incluso na mesma comunicación se recoñecía que aínda non está pactado como vai ser o programa conxunto.
  • Por último, a pesar de que o acordo aprobado facía referencia explícita a que os órganos de ANOVA non se pronunciasen a favor de ninguén en concreto, o Voceiro Nacional anunciou primeiro e enviou logo un escrito de apoio á ”súa” candidata, esquecendo que el non é un militante máis, senón que ostenta un cargo orgánico para o que foi elixido por todos e por todas, incluídos os outros candidatos e candidata na última Asemblea Nacional, agás xusto a que el “sinalou” co dedo.

Por todo isto non podemos evitar sentir certo sentimento de traizón: Traizoados por quen antepón os resultados e o curtopracismo ao ben común de todos os galegos e galegas, porque sospeitamos que están entregando o proxecto de ANOVA a IU para crear a “izquierda federal del Noroeste”, diluíndo ANOVA nun ente chamado AGE, que claramente se intúe como a versión de ICV para Galiza.

O noso compromiso é defender os principios políticos fundacionais de ANOVA, como armas ideolóxicas capaces de crear alternativas, que son ademais necesarias e urxentes, para contrapoñelas ás políticas destrutivas do PP e de quen ataque os intereses do noso país; e seguir a loitar por construír a ferramenta política, galega e de esquerda rupturista necesaria para poder levalas adiante, CHÁMESE ESA FERRAMENTA ANOVA OU DOUTRO XEITO.

Por todo isto adoptamos as seguintes propostas de resolución:
  • Non compartimos a deriva pola que a actual Dirección semella estar a levar a ANOVA, esquecendo os seus principios políticos fundacionais, e pretendendo convertela na “izquierda federal del noroeste”.
  • Acreditamos na unidade de acción e nas frontes amplas, por iso non podemos tolerar que se pretenda converter AGE simplemente nunha marca electoral ao servizo único da implantación de IU en Galiza.
  • Debemos pedir explicacións á Dirección Nacional e ao Voceiro por este xiro estratéxico que non foi aprobado en ningún órgano. O normal e que se se pretende isto debe ser debatido e votado nunha asemblea nacional onde todas e todos poidamos contrastar os diferentes posicionamentos.
  • Dende as Asembleas Locais do Salnés defenderemos o proxecto fundacional de ANOVA como referente do nacionalismo e da esquerda e tentaremos que todas e todos os nacionalistas de ANOVA confluamos nunha dirección común para impedir que se cambien ou se deturpen.
  • Seguiremos a traballar na sociedade, nos nosos concellos, ao lado da cidadanía na defensa dos seus dereitos e na denuncia das inxustizas.
  • En referencia ás próximas eleccións europeas acordamos rexeitar o acordo de integración na candidatura de IU e, en consecuencia, non participar na próxima campaña electoral. Abriremos tamén un período de reflexión conxunta para decidir se é posible continuar ou non nesta organización que, coa deriva actual, non representa nin o noso proxecto nin as nosas ideas.
Todas estas resolucións acórdanse respectando sempre as posicións individuais que poidan adoptarse ao respecto por parte de militantes do Salnés.