30 oct 2013

AGE esixe que as escolas infantís pasen a ser “un servizo público, universal e gratuíto”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, esixiu onte no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta inicie “os trámites necesarios para converter as escolas infantís nun servizo público universal e gratuíto”. Entrementres estes trámites non comezan, engadiu, “é imprescindíbel deixar sen efecto o artigo un do decreto 49/2012 e, así, conxelar os prezos para as familias das garderías”. Alternativa aceptou as emendas dos outros grupos da oposición –BNG e PSdeG- mais topou coa negativa do Partido Popular, sempre ao servizo dos ricos e das clases altas ás que tan ben representan. Para o PP de Feijóo, a igualdade de oportunidades e os servizos públicos básicos son o inimigo.

“Os salarios decrecen en Galicia por riba da media do Estado español e de Europa”, sinalou Fajardo, “e o desemprego e as persoas que non reciben xa prestación atinxen cifras insoportábeis. Neste contexto, a autodenominada Consellaría de Benestar aproba unha resolución o sete de agosto para aumentar os prezos das escolas infantís un 2,2%”. Coa decisión do departamento de Beatriz Mato, tomada coa habitual aleivosía estival deste Goberno, unha familia no limiar da pobreza deberá pagar 93 euros ao mes. “Este incremento é absolutamente inaceptábel, máis na situación actual das familias galegas”, explicou Juan Fajardo, quen lembrou que esa suba contradí o propagandístico plan de dinamización demográfica da propia Xunta.

23 oct 2013

AGE acusa á Xunta de facer uns orzamentos en que “todo baixa agás os xuros da débeda”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou á Xunta do señor Núñez dunha “práctica contábel en que todo baixa agás os xuros da débeda”. Fíxoo a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, quen criticou con dureza os Orzamentos que esta mañá comezaron a discutirse no Parlamento de Galicia coa comparecencia da responsábel de Facenda, Elena Muñoz. Esta apenas fixo máis que intentar reproducir a cantarela do PP sobre que o país comeza a recuperación e adobialo todo con ideoloxía tecnocrática barata. “Os únicos que gañan son os seus amigos banqueiros”, afirmou Díaz, citando ao xornalista Robert Fisk, “os novos ditadores”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, o Goberno de Núñez parte de premisas falsas. “É falso que haxa un cambio de tendencia na economía”, asegurou Díaz, “este país está en crise e ten un Goberno incompetente, e ten a xente inserida nun bucle de dor”. A viceportavoz do grupo parlamentario advertiu á dereita de que “vai sendo tempo de que abandonen a doutrina Goebbeles e digan a verdade, estes son uns orzamentos antisociais”. Porque, para Díaz, “non pode haber crecemento económico se este non é superior ao 2%”. Todo nun contexto en que o desemprego acada o 22%. “Vostede presume de que pasaremos do 22% a un 21,7% de desemprego, pero a realidade é que no quinquenio Feijóo o número de parados medrou en 150.000”, denunciou a viceportavoz de AGE ante a conselleira do Partido Popular, “e hai 127.000 de longa duración”.
Nun apurado repaso polas liñas mestras dos Orzamentos para 2014, e percorrendo os cinco anos de Executivos do PP, Yolanda Díaz lembrou que o gasto “en termos reais” descendeu un 21% en sanidade, un 26% en educación e un 86% en vivenda. “A súa estratexia é esborrallar os sectores estratéxicos da protección pública, e para iso dótanse duns orzamentos procíclicos, xusto o contrario do que se debe facer”, argumentou. Alternativa Galega de Esquerda, a través da súa viceportavoz, esixiu, ademais, unha auditoría da débeda pública e acabou por retratar o Goberno do señor Núñez como “un goberno submiso, por aceptar os ditados de Madrid sobre financiamento, e un goberno irresponsábel na política fiscal, que sobe os impostos indirectos e baixa os directos e que amais minte ao dicir que persigue a fraude fiscal”.

22 oct 2013

ANOVA MEAÑO OPONSE Á CREACIÓN DUNHA PISTA DE PÁDEL POR CONSIDERALA INNECESARIA

O Concello de Meaño levou ao último pleno municipal un proxecto para mellorar o Parque dos Pasales. Dito proxecto inclúe a creación dunha pista de Pádel. Dende Anova temos varias apreciacións que facer: a primeira é que nun concello como Meaño parécenos totalmente ridícula a creación dunha pista dedicada a un deporte tan elitista como o Pádel. Cremos que sería moito máis interesante impulsar deportes náuticos ou acuáticos como por exemplo o piragüismo, un deporte que neste concello xa tivo presenza, pero que a deixadez do equipo de goberno no apoio ao deporte, e no coidado do noso tramo de litoral, levaron á súa desaparición. 

Chámanos a atención tamén que no proxecto para os Pasales e o paseo non figure a reparación, mellora e posta en valor da hoxe existente área de servizo de autocaravanas, unha forma de turismo cada vez máis en alza, mellorando as instalacións e a súa sinalización, para facilitar a chegada desde outros puntos do Salnés e desde a Autovía. En concordancia con isto, dende o grupo local de Anova acabamos de presentar no Concello unha proposta para que se integre no proxecto para os Pasales a mellora e promoción desta área de servizo a autocaravanas. Por outra banda, tamén nos chama á atención que falando dos Pasales e do paseo non se falara nada, nin sequera no propio pleno municipal, de solucionar o problema dos cheiros da depuradora e o estado da Ría en Dena, un obstáculo moi grande que fai que veciños e visitantes non queiran achegarse ata este parque. Todo isto parécenos que define moi ás claras a maneira de actuar da nosa alcaldesa, que ignora os veciños (mesmo á Asociación de Veciños, que ata o de agora tiña a concesión dese terreo). Ademais actúa a impulsos, sen un proxecto definido, sacando dun sitio para parchear noutro, cando o normal nun equipo de goberno competente seria desemvolver un proxecto para o Concello e logo levalo a cabo, en base aos orzamentos municipais.

Nova no Diario de Arousa

21 oct 2013

AGE insiste en que a Xunta realice as obras no CEIP Rosalía de Castro

AGE esixe á Xunta que cumpra as súas promesas co CEIP Rosalía de Castro de Ogrobe e leve a cabo as urxentes obras que precisa o centro

Alternativa Galega de Esquerda presentará mañá en comisión parlamentar unha iniciativa na que esixe á Xunta de Galicia a realización das obras de mantemento e acondicionamento que precisa de xeito urxente o CEIP Rosalía de Castro de Ogrobe e que lembran foron comprometidas por parte da Consellería de Educación cos responsables do centro que como tantas outras promesas do goberno galego están sen cumprir. 
 
O deputado de AGE, Ramón Vázquez, trasladará aos membros da comisión a necesidade de instar á Xunta a cumprir coas súas promesas e obrigas e cometer canto antes as obras de reparación dos baños do colexio xa orzamentadas pero aínda sen executar, e rematar outras obras tamén comprometidas como a reparación da cuberta do pavillón, o arranxo da fachada do edificio ou a colocación dos elementos precisos para a adaptación do centro educativo á normativa de seguridade e prevención de riscos actual.



17 oct 2013

Yolanda Díaz denuncia que os recortes de Núñez significan “dramas, desafiuzamentos, paro, fame e miseria”

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de practicar “políticas criminais”, desmonta os números embusteiros da Xunta e expón as iniciativas do seu grupo parlamentario 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013.- Yolanda Díaz, viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), dedicou a súa intervención esta mañá no debate de estado da nación a desmontar cifra a cifra a enorme colección de mentiras do señor Núñez. “É vostede o presidente que máis recortou o orzamento na historia de Galiza”, afirmou Díaz, “pero falar de recortes é falar de dramas, de desafiuzamentos, paro, fame e miseria. Vostede o único que sabe facer é maquillar os números”. A débeda pública triplicouse dende 2009 –cando Núñez asumiu a presidencia-, o paro dobrouse e a pobreza atinxe –segundo datos de Cáritas- a 650.000 cidadáns galegos.

A viceportavoz de Alternativa acusou ao PP comandado por Núñez de “practicar políticas criminais e mentir, a continuación, nas cifras”. “Un de cada tres parados xa non cobran prestación”, expuxo Días, “e vostedes xa nin sequera practican a caridade, non son a dereita da caridade, son a dereita da fame”. Co pano de fondo da variación do 12,9% de desempregados rexistrados en 2009 ao 22,6 no ano en curso -278.000 galegas e galegos -segundo a Enquisa de Poboación Activa-, as accións da dereita encarnada polo Partido Popular cóntanse por ataques furibundos contra as maiorías sociais e as traballadoras e traballadores deste país. “Retire o decreto dos comedores e dedique cartos ao ensino público”, clamou Díaz, “e supriman paseniñamente, fíxese que digo paseniñamente, os concertos con colexios privados”. AGE presentou resolucións ao respecto de todas estas cuestións, sistematicamente rexeitadas polos conservadores.

Yolanda Díaz denuncia que os recortes de Núñez significan “dramas, desafiuzamentos, paro, fame e miseria”

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de practicar “políticas criminais”, desmonta os números embusteiros da Xunta e expón as iniciativas do seu grupo parlamentario 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013.- Yolanda Díaz, viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), dedicou a súa intervención esta mañá no debate de estado da nación a desmontar cifra a cifra a enorme colección de mentiras do señor Núñez. “É vostede o presidente que máis recortou o orzamento na historia de Galiza”, afirmou Díaz, “pero falar de recortes é falar de dramas, de desafiuzamentos, paro, fame e miseria. Vostede o único que sabe facer é maquillar os números”. A débeda pública triplicouse dende 2009 –cando Núñez asumiu a presidencia-, o paro dobrouse e a pobreza atinxe –segundo datos de Cáritas- a 650.000 cidadáns galegos.

A viceportavoz de Alternativa acusou ao PP comandado por Núñez de “practicar políticas criminais e mentir, a continuación, nas cifras”. “Un de cada tres parados xa non cobran prestación”, expuxo Días, “e vostedes xa nin sequera practican a caridade, non son a dereita da caridade, son a dereita da fame”. Co pano de fondo da variación do 12,9% de desempregados rexistrados en 2009 ao 22,6 no ano en curso -278.000 galegas e galegos -segundo a Enquisa de Poboación Activa-, as accións da dereita encarnada polo Partido Popular cóntanse por ataques furibundos contra as maiorías sociais e as traballadoras e traballadores deste país. “Retire o decreto dos comedores e dedique cartos ao ensino público”, clamou Díaz, “e supriman paseniñamente, fíxese que digo paseniñamente, os concertos con colexios privados”. AGE presentou resolucións ao respecto de todas estas cuestións, sistematicamente rexeitadas polos conservadores.

16 oct 2013

Propostas de resolución de AGE para o debate do estado da nación

Alternativa Galega de Esquerda expón nas resolucións do debate do estado da nación a súa alternativa as políticas agresoras do PP.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou esta mañá ás súas propostas de resolución no debate do estado da nación. Nelas, o grupo parlamentar vertebra a súa alternativa ao Goberno do Partido Popular e ás súas políticas austericidas e agresoras coa cidadanía do común. As propostas céntranse nos problemas reais dos cidadáns e atópanse lonxe das accións de maquillaxe e das medidas publicistas anunciadas polo señor Núñez no seu discurso de onte. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, acompañados polos deputados do grupo parlamentar, salientaron en rolda de prensa que as propostas de Alternativa recollen medidas orientadas a resolver os problemas da cidadanía e a rematar coas agresións da Xunta. 

Yolanda Díaz encargouse de presentar as liñas fundamentais nas que se centran as propostas. Entre outras, a suspensión da taxa anunciada pola Xunta para os hidrocarburos -o chamado céntimo sanitario-, xa se tratase dunha “indecencia gravar a cidadanía con impostos indirectos”. Ou evitar a liquidación final do sistema financeiro galego, que se pretende consumar coa venda de Novagaliciabanco. AGE esixe a paralización desta operación e a construción dunha banca pública a partir do mesmo. Tamén se inclúe unha serie de iniciativas en defensa dos distintos sectores industriais, con especial referencia ao naval para o que Alternativa esixe o prometido dique flotante e carga de traballo urxente. Díaz destacou que é preciso mudar de xeito radical a política económica do noso país e deixar de encher o territorio de polígonos industriais, moitos deles baleiros. Nese senso, AGE tamén defende un cambio na política de protección do patrimonio ambiental que evite a ocupación de solo rural e protexido por novos polígonos industriais. O grupo solicita, ademais, unha auditoría da débeda pública para que se explique en que se investiu e así saber a que servizos públicos foron parar os da débeda actual.


Alternativa propón a creación dunha renda básica universal contra o drama que están a padecer milleiros de familias por debaixo do limiar da pobreza. A mudanza do modelo de relacións laborais ou a elaboración dun plan estratéxico de emprego que abranga todos os sectores e inclúan apostas novas como o emprego verde é outra das propostas de resolución rexistrada. No plano medioambiental, AGE presentou diversas iniciativas nas que se pide, por caso, pular por un sistema de incineración de residuos distinto ao de Sogama; avanzar na redución das emisións das centrais térmicas de Meirama e As Pontes; loitar por unha Galiza libre de fracking; apostar por outro ferrocarril más aló do da alta velocidade ou acabar coa estafa das grandes eléctricas no noso país. 

"A cidadanía sempre remata por derribar aos tiranos". Beiras no debate do estado da nación

Xosé Manuel Beiras debuxou esta tarde o estado dunha nación, a galega, na que “cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia”. Nunha intervención de corenta minutos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) repasou polo miúdo as desfeitas en que a reacción, encarnada en Galicia no PP do señor Núñez, deitou a Galiza e acabou chamando á cidadanía á “reconquista das liberdades cívicas e políticas efectivas porque é a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra”.
Perante a colección de embustes emitida esta mañá polo presidente da Xunta, que deixou a imaxe dun país inexistente e –segundo el- a piques de saír da crise, Beiras descendeu á terra. “Existen médicos e sanitarios que cualifican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermidades crónicas ou graves teñan que pagar polo tratamento extra hospitalario”, exemplificou, “medra a mortalidade dos vellos que non se medican polo repago, empurraron a clase labrega ao exterminio, efectúan un ataque racista e clasista contra o noso idioma”. “Carecen vostedes de sensibilidade?, son vostedes de pau?”, espetou Beiras ás bancadas do PP. Mentres, o señor Núñez comentaba entre risos as palabras do portavoz de AGE.

15 oct 2013

Beiras censura que Feijóo use as vítimas do accidente de Angrois para adobiar un discurso a anos luz da vida da xente


"Hai que ter o estómago de caucho para utilizar as vítimas, os veciños de Angrois, os maltratados traballadores da función pública ou aos voluntarios para parasitar unha traxedia da que eles mesmos foron responsábeis". Para Xosé Manuel Beiras o discurso de Alberto Núñez Feijóo no debate de estado da nación caracterizouse, sobre todo, por "quedar descualificado no ámbito da ética máis elemental".
"Os seus colegas, que ocupan altísimo cargos, foron directamente responsábeis do que sucedeu en Angrois", engadiu, " e cuñados de 'terroristas' non polo Beiras, senón por unha deputada do PP que ía no tren". O señor Núñez apelou, coa habitual falta de escrúpulos que amosa, a un presunto "espírito de Angrois" para intentar desactivar o traballo da oposición.
Logo de case dúas horas dunha intervención baseada na mentira e no cinismo, o único que quedou claro é que Núñez vive nunha realidade paralela. Ou que di que vive nunha realidade paralela. "Se prestastes atención", dirixiuse Beiras aos medios de comunicación ao remate do discurso do presidente da Xunta, "un pensaría que estabamos diante dunha persoa que estaba a facer o seu discurso de investidura. Pois ben, se quere facelo, que convoque eleccións".
Segundo Núñez, no seu discurso triunfalista e alienado, a anos luz da vida da xente, Galiza "achégase á saída da crise". Ese país que non existe e esa noxenta apoloxía das políticas de austeridade que levan Europa ao abismo social e económico serán contestadas por Alternativa Galega de Esquerda. E xa o están a ser nas rúas, nas fábricas, nos centros de traballo, nos movementos sociais, nos sindicatos, en todos os segmentos da cidadanía non resignada que esta mañá, ao escoitar a Núñez, só puideron sentir unha profunda náusea.

Ás 16 h comeza a quenda dos grupos da oposición no #debate2013, falará Xosé Manuel Beiras sobre as cinco menos vinte, que o podes ver en directo no seguinte enlace. Deixamovos a varloración do dedebate do Estado da Autonomia feita por Xosé Manuel Beiras

14 oct 2013

A Xunta será cómplice dunha medida noxenta, cruel e clasista como é o repago farmaceútico en hospitais

Alternativa Galega de Esquerda manifestou o seu total rexeitamento ao repago da farmacia hospitalaria que o Goberno estatal anunciou xa que introduciría antes de final deste mesmo ano xa que se trata dunha medida noxenta, inhumana, cruel e clasista e que responde ao capitalismo máis salvaxe impulsado polo Partido Popular. Así, a deputada de AGE, Eva Solla, asegurou que “a señora Mato e o Goberno do PP teñen pensado deixar morrer á xente” en base a un falaz aforro económico que no chegará ao 0,1 por cento.

A deputada de AGE lembrou que non se trata de calquera enfermo ou enferma senón que son os máis graves, como cancros graves de próstata, de ril, de mama, leucemias, tumores cerebrais, artrite reumatoidea, hepatite C, citomegalovirus afectando así aos enfermos graves de SIDA, esclerose múltiple, e moitas máis.

Un repago do 10 por cento o que suporá pagar ata 4,20 euros por envase. Unha barbaridade coa que se converte un dereito social básico nun negocio e nun privilexio castigando unha vez máis aos mais desfavorecidos do noso país, algo que ao PP semella non lle preocupar o máis mínimo e que se ven a sumar aos recortes nas pensións, ao drama do paro, o repago nos comedores escolares, e unha longa lista de medidas contra a cidadanía do común coas que este “Goberno socializa as perdas para que paguemos entre todos e todas e privatiza os beneficios para que os cobren uns poucos”.
A deputada Eva Solla defendeu na súa intervención na Comisión de Sanidade o noxento que resulta o feito de que a mesma ministra Mato inmersa na trama Gürtel que lle financiaba con cartos públicos a súa vida privada, as súas festas ou as súas vacacións, sexa a que anuncie que lle van recortar aos que peor están, aos enfermos graves ou graves crónicos. “´É a corrupción da democracia, a podremia do réxime” lamentou.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe ao goberno galego que amose a súa oposición a este un atentado contra a saúde dos máis febles da que a Xunta de Galicia será cómplice por apoiar esta medida que provocará a morte de xente no noso país, “pero ao Partido Popular lle da o mesmo”.

11 oct 2013

A Lei de inclusión social do PP repartirá é miseria e desesperanza

Alternativa Galega de Esquerda asegura que a Lei de inclusión para Galicia que pretende aprobar o Partido Popular é a lei da desesperanza e a miseria coa que a o goberno galego deixará morrer a milleiros de persoas que están xa por  debaixo do limiar da pobreza.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, denunciou hoxe en rolda de prensa a falla de humanidade amosada unha vez máis polos populares xa que semella “para optar a un cargo dentro do PP, é preciso deixar o alma na casa”. Esta é a única explicación para xustificar algunha das condicións recollidas nesta Lei que na súa memoria económica contempla unha achega de 0,21 céntimos diarios para as máis de 650.000 persoas que actualmente están por debaixo do limiar da pobreza en Galicia. “Habería que castigar aos responsables políticos deste tipo de decisións a vivir durante medio ano como están a obrigar a vivir a estas persoas a ver se despois seguían defendendo as mesmas teorías” explicou o deputado Juan Manuel Fajardo e engadiu que “haberá que eliminar os coches oficiais e os ambientadores que colgan dos retrovisores dos mesmos porque se ve que este espazo rela o cerebro dos nosos gobernantes que viven alleos a dramática realidade de milleiros de persoas no noso país”.

9 oct 2013

Breve crónica da última asamblea comarcal de Anova Salnés

O pasado sábado 5 de Outubro tivo lugar en Cambados unha nova asemblea comarcal de Anova Salnés.

Foi unha asemblea algo atípica, no sentido de que tiñamos un punto, o da fronte ampla, que criamos que necesitaba moito tempo para o debate, polo que reducimos a orde do día, deixando algúns puntos, como a presentación de contas (en Anova Salnés presentamos as contas en cada asemblea, para que haxa total transparencia) para outra asemblea que se celebrara proximamente.

Polo que comezamos, da man dos compañeiros Xurxo, Ricardo e Andrea,  cun resumo da situación e do traballo de Anova na comarca. Expúxose como estaba a situación dos mariñeiros afectados pola regularización, os que damos todo o noso apoio, cales foron os pasos dados dende Anova e dende AGE, e acordamos, como non podía ser doutro xeito, seguir apoiándoos dentro das nosas posibilidades, tanto dende o parlamento como  dándolles respaldo na rúa.

Tamén falamos da situación dos pensionistas que foron emigrantes, e que agora  teñen problemas con facenda. Falamos dos actos realizados, como o de Portonovo, que tivo moi boa acollida, sobre todo polo
formato, cun gran peso no aporte de información, mais aló de criterios políticos. E tivemos oportunidade de felicitar ós compañeiros de Ogrobe, que conseguiron que no pleno municipal se aprobara a apertura dunha oficina de información para os afectados por esta situación, algo que solicitamos noutros concellos da comarca sen resposta positiva. Dende logo estivemos de acordo na necesidade de seguir traballando na mesma liña, buscando aportar solucións antes que gañar rendas políticas.

Logo, da man da deputada Chelo Martinez e do membro da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente como Comisionado de Relacións Políticas,  Luis Eyre Dieguez, abordamos o tempo da formación dunha fronte ampla para acudir as eleccións ó Parlamento Europeo do próximo ano.  Eyre é un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas ás que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla, polo cal a súa visión foinos de gran axuda.

8 oct 2013

Chelo Martínez e Antón Sánchez denuncian a pasividade de Industria perante as graves irregularidades no plan de inversións de Unión-Fenosa


Antón Sánchez e Consuelo Martínez aseguran de que se non se actúa contra á empresa estarase a incorrer nun delito de prevaricación omisiva.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería. Entre elas, o informe desfavorable ao plan anual e plurianual de investimento para o período 2012-2015 por parte de Unión –Fenosa.
Alternativa Galega de Esquerda denunciou en rolda de prensa o posible delito de prevaricación omisiva no que pode incorrer o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Bernardo Taoces, ao non actuar contra as graves irregularidades cometidas pola empresa Unión-Fenosa Distribución S.A. e que foron xa denunciadas polos técnicos do servizo da Xefatura territorial da Coruña hai máis dun ano.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería entre as que se atopa o informe desfavorable ao plan anual e plurianual

Comunicado perante a explosión no concello de Beade

Dende Anova Salnes queremos suscribir o comunicado realizado por Alternativa Galega de Esquerda perante a explosión dun artefacto no Concello de Beade. Nin tan sequera as mostras de franquismo, autoritarismo, fascismo e desprezo polo ser humano merecen o uso da violencia. Este non é o camiño da revolta cívica que dende Anova - Irmandade Nacionalista propugnamos. 
 Deixamos, a continuación, o texto de AGE: 
 Alternativa Galega de Esquerda manifesta a súa condena a todo tipo de violencia. Alternativa Galega de Esquerda, en relación á explosión rexistrada na Casa Consistorial de Beade (Ourense), quere manifestar o seu rexeitamento ao ataque perpetrado contra a Casa do Concello de Beade. Trátase dun ataque contra a casa do pobo e, xa que logo, dun acto de violencia que ataca á cidadanía, ao conxunto de vecinos e veciñas de Beade. Por todo isto, unha vez máis desde Alternativa Galega de Esquerda insiste en que condena calquera tipo de violencia sen distinción de ningún xénero.

3 oct 2013

ANOVA CONVOCA UNHA ASEMBLEA PARA PRESENTAR A PROPOSTA DE CONSTITUCIÓN DUNHA FRONTE AMPLA PARA AS ELEICIÓNS EUROPEAS 2014

Será o sábado, 5 de Outubro as 18.00 H. en Exposalnés – Cambados, e na mesma participará o Comisionado nacional de Relacións Políticas de ANOVA, Luis Eyre Dieguez

As agrupacións locais de ANOVA Irmandade Nacionalista do Salnés teñen convocada para este sábado unha Asemblea coa finalidade de presentar a proposta de configuración dunha Frente Ampla de cara as próximas eleicións ao parlamento europeo do 2014.  Terá lugar as 18.00 Horas no Edificio Exposalnés – Cambados e como todas as asambleas de ANOVA será aberta non só a militantes e simpatizantes, senón a todas aquelas persoas as que lles interese coñecer a proposta ou aportar o seu grao de area para colaborar nunha alternativa política e social contra as políticas dos gobernos actuais.

Para a presentación da proposta aprobada pola Coordinadora Nacional de ANOVA participará na Asemblea, Chelo Martinez, deputada de A.G.E., e Luis Eyre Dieguez, Membro da Dirección Permanente Nacional e Comisionado de Relacións Políticas.  Eyre e un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas as que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla.

Como se explicita na proposta aprobada (preme aqui) a Frente Ampla pretende ir incluso máis ala do obxectivo de conseguir representación no parlamento europeo, senón tamén ter a oportunidade de intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político que está a ser propiciado polo activismo da cidadanía.

A crise económica e os seus efectos sobre as maiorías sociais pola xestión que daquela se está a facer; o desemprego e os recortes en dereitos e liberdades sociais; a situación da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nunha Xunta de Galicia e demais institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.

ANOVA mantivo dende a súa creación unha aposta nídia pola unidade de acción tanto das forzas nacionalistas como da esquerda e dos movementos cívicos. Esa aposta e a que lugar por exemplo nas últimas eleicións a coalición eleitoral Alternativa Galega de Esquerdas.  O que se pretende agora e impulsar un proceso de creación dunha Fronte Ampla nunha primeira instancia a nivel da nación galega como suxeito político soberano, e posteriormente traballar para a constitución dunha plataforma integrada por forzas similares do resto do estado español. Isto concretouse nun acordo que se resume nos dous puntos seguintes:


1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.

2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.


OUTROS TEMAS DA ASEMBLEA COMARCAL

Os asistentes a Asemblea de ANOVA tamén terán ocasión de coñecer os posicionamentos de ANOVA – Salnés sobre diversas problemáticas de ámbito comarcal como é a situación dos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria lles está a mandar Expedientes sancionadores pola non declaración das súas pensións do extranxeiro; ou o caso dos mariñeiros propietarios de embarcacións menores con problemas para regularizar as súas embarcacións. Dende ANOVA xa manifestamos públicamente o noso apoio as demandas destes dous colectivos. 


Xa no nivel organizativo, debatirase a situación da organización a nivel comarcal e elixirase a persoa que se incorporara a Coordinadora Nacional de ANOVA en representación da área comarcal do Salnés.

Anova – Ogrobe considera nefasta a xestión da concelleira Ayda Filgueira



Califícana de “incompetente”, que non so é incapaz de cumprir o seu programa, senón incluso  de manter os servizos que xa tiña o Concello, e que debería explicar porque dende a súa área sempre se beneficia a mesma persoa – empresa.

Jean Cocteau dixo “Un vaso medio baleiro é tamén un vaso medio cheo, pero unha mentira a medias, de ningún modo é unha media verdade”. Así e como vemos dende ANOVA - O Grove a intervención da Concelleira Aida Filguiera o pasado xoves no pleno e os reportaxes-entrevista de autobombo que sairón nos medios de comunicación ao respecto…
A realidade e que nos atopamos diante dun fraude, primeiro aos seus votantes por incumprir o seu programa eleitoral, e segunto a todos os cidadáns, porque estamos diante dunha concelleira inoperativa, que non e capaz de manter sequera todo o traballo que se estaba a facer nas súas áreas, nin de defendelas diante dos recortes que lles imponen tanto dende a Xunta de Galicia como dende seus propios socios de goberno.
A situación agrávase cando falamos dunha das 3 concellalías liberadas, que levaba meses desaparecida, nun momento de enorme afección da crise económica, do desemprego, xusto cando máis falta fan esas redes de protección que son os servizos sociais, a atención a muller, aos drogodependentes, aos enfermos. Dende ANOVA estamos convencidos de que se non fose pola enorme profesionalidade dos técnicos e empregados do Concello do Grove a situación de descontrol e descoordinación seria aínda moito peor.

Por que un fraude aos seus votantes: porque no programa eleitoral falaba de “Centro de Día” “de xestión directa do Servizos Sociais” e “regular a participación cidadán”, de “orzamentos participativos” de “Plan municipal de Atención a Discapacidade” de “defensa do Centro de Saúde” e non só nada se fixo, senón que incluso se tomaron decisións en contra. Debería explicar porque enganou as traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio, meténdoas nun caleixon sen saída, para terminar privatizando o servizo; ou porque agora parece que o Concello abandona definitivamente o proxecto de Centro de Día e semella que incluso tamén o do novo Centro de Saúde.

Falamos de engano aos veciños do Grove, porque máis ala da propaganda, o balance desta Concelleira é bastante pobre e con consecuencias negativas: Lembremos aquela proposta que afortunadamente caeu en saco roto, de integrar o Centro de Información a Muller nun servizo mancomunado con Cambados, que suporia na práctica pechar o CIM municipal e que só se aténdese no Grove uns días a semana ou mes…; ou porque segue sen facerse a avaliación do Plan de Igualdade Municipal; porque se perdeu a subvención de Dinamización, ou porque a axente de igualdade en vez de facer o seu traballo adícase a ser a súa secretaria particular…

Tamén debería explicar por que é incapaz de coordinar o traballo das distintas áreas e técnicos de Servizos Sociais que ten o Concello, ata tal punto que precisa contratacións externas para traballos que podían ser desempeñados por traballadores do propio Concello.

Ou algo moi grave, como logo de 20 anos de funcionamento, se suprimiu o Servizo de Prevención das Drogodependencias, despedindo a Técnico encargada de desenvolver as actividades nos colexios e institutos do Grove… mentres noutros concellos veciños manteñen este servizo buscando outras vías de financiamento. E incluso como permite abrir a porta a posibles recortes ou ao peche do SPAD.

Sobre área de mar pouco hai que decir, a pesar de ser a súa “especialidade”, porque nada se fixo pola súa parte; simplemente apropiarse das xestións realizadas por outras áreas do Concello e nin sequera algo tan simple como mostrar o apoio aos mariñeiros con embarcacións de artes menores que están a ter problemas para regularizar as súas embarcacións.

En conclusión, un bluf… que considera que a resolución as problemáticas sociais que hai na sociedade resolvénse con estrevistas sobre o fondo de armario, con publicidade ou con xornadas sobre gastrosexoloxía; Aida Filgueira marcharase co o triste honor de ser a primeira Concelleira que recorta e suprime servizos nas áreas de sanidade e servizos sociais no Grove. Triste balance…


HAI UNHA CONCELLEIRA NA SOMBRA??

Deixamos para o final un tema delicado… e é que no Grove moita xente pensa que HAI OUTRA CONCELLEIRA NA SOMBRA…. Que non cobra pero beneficiase enormemente do traballo destas áreas….

Aida Filgueira debería explicar cal é a relación que ten con determinada profesional e a súa empresa, para beneficiarse de todo tipo de contratacións, tanto laborais como a través da sua empresa, realizar xornadas, impartir charlas, atender persoas e incluso utilizar os medios e o despacho da propia Concelleira como se fosen os seus propios. E decir que igual vale para un roto que para un descosido…

Unha úlitma cousa, se esta Concelleira fai todo esto ou non fai e tamén porque está amparada por un goberno, que non ten a valentía de tomar decisións, e prefire deixar caer todo o traballo dos servizos sociais do Concello con tal de manter o pacto de goberno coste o que coste. Polo tanto o PP e complice e tan culpable como AMECA….

1 oct 2013

CHARLA INFORMATIVA “A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións”

EN PORTONOVO (SANXENXO):

A Agrupación local de ANOVA no Concello de Sanxenxo vai organizar unha charla informativa sobre esta cuestión dirixida ao colectivo de emigrantes retornados.

Baixo o título A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións esta charla terá lugar o próximo mércores, día 2 de outubro, ás 20.30 Horas no Edificio Multiusos de Portonovo.

Na mesma intervirán ademáis dun membro da agrupación local, un Xestor Profesional Colexiado mercantil, Xurxo Charlín Trigo, que explicará a lexislación referente á tributación dos emigrantes e responderá as preguntas dos asistentes sobre recursos ádisposición dos afectados; e o Deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Fajardo, que informará sobre as medidas propostas dende AGE no Parlamento Galego así como os acordos conseguidos ao respecto.


A asistencia á charla é libre e convídase a todas as persoas interesadas no tema a que asistan á mesma.