24 jul 2013

Anova suspende os actos do Día da Patria en sinal de dó

Anova suspende, en sinal de dó, todos os actos previstos para o Día da Patria e amosa o seu pesar ás familias das vítimas do tráxico accidente de tren ocorrido hoxe, 24 de xullo, en Santiago de Compostela.
O noso máis sentido pésame ás familias.

UN PASO ADIANTE, GALIZA!

Manifesto de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para o 25 de xullo de 2013, Día da Matria Galega, lido publicamente o 24 de xullo diante do número 15 da Rúa do Vilar, en Compostela, onde o alcalde republicano de Santiago Ánxel Casal tiña a sede da imprenta Nós.
Aquí estamos, galegas e galegos de nación, cos pés na terra e abertas as fiestras para exercermos como pobo na loita común pola liberdade humana. A cidadanía galega que acepta a suma de vontades e experiencias dos procesos emancipadores para que a nación en si sexa nación para si.
Neste Día da Matria, a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), expresión da Fronte Ampla no Parlamento Galego que asume a tradición da esquerda e dos procesos de liberación nacional, afirma o anceio de contribuír a fornecer ao pobo galego, suxeito político con poder civil, da súa soberanía no sentido amplo, sen rebaixas nin fendas rexidas pola Troika.

23 jul 2013

Acto político de Anova o 25 de xullo

Anova celebra un acto político o 25 de xullo en Compostela.
Será na praza de Mazarelos, dende as 12:30 h. Logo, xantar popular en Belvís.
Anova organiza un acto político na praza de Mazarelos polo Día da Patria en Compostela.
Dende as 12:30 h, haberá música e en torno ás 13:00 h terán lugar as intervencións políticas, pechadas polo discurso do portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras.
Ás 14:30 h aproximadamente está previsto un xantar popular en Belvís, onde contaremos cunha polbeira e unha carpa para xantar.
Para xantar na carpa non é preciso anotarse previamente. O menú costa 12 € e inclúe polbo, patacas, pan, viño e refrescos. Así mesmo, quen o desexe pode xantar no parque de xeito autoxestionado.
Pola tarde, teremos ás 17 horas o Aberto de Billarda do Día da Patria, da Liga Nacional de Billarda, e posto de venda de crachas e camisolas da mocidade de Anova.

18 jul 2013

ACTO PÚBLICO, "DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DE NACIÓN"

Acto público que terá lugar o sábado, 20 de Xullo, as 21.00 Horas no Pub Twist & Shout, e que forma parte dos actos previos a celebración do 25 de Xullo, Día da Matria Galega, onde por parte de ANOVA - Irmandade Nacionalista

A acto leva por título "DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DE NACIÓN" e terá como intervención central unha charla a cargo de Luis Rei Nuñez, membro de ANOVA, escritor e colaborador de numerosas publicacións.  Entre outros traballos, Luis Rei e autor do libro "RAMON CABANILLAS: CRONICAS DE DESTERROS E SAUDADES", así como numersos artigos e estudos sobre a historia local ou a cultura marítima.

Na súa intervención do sábado Luis Rei fara un recorrido, non exento de anécdotas sobre a evolución do termo nación e a historia do nacionalismo galego. 

Dende a Coordinadora comarcal de ANOVA no Salnés, convidamos a todos os simpatizantes e persoas interesadas a asistir ao acto do próximo sábado no Grove, e ter a oportunidade de escoitar a unha persoa que pola súa traxectoria, implicación e coherencia xa ten gañada a admiración e afecto persoal deste que vos escribe, e o recoñecemento do dos pobos de O Grove e Cambados ao seu traballo político e persoal.

Aproveitaremos o acto para presentar a celebración nacional do 25 de Xullo por parte de ANOVA - Irmandade Nacionalista, e convidar a todos a asistir.  O acto central do 25 de Xullo sera na Praza de Mazarelos en Santiago de Compostela, coa intervención do Portavoz Nacional de ANOVA, Xosé Manuel Beiras. Posteriormente celebrarase unha romaria no Parque de Belvís.

15 jul 2013

Anova pide a dimisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións xerais con carácter constituínte


Anova esixe a dimisión inmediata de Rajoy e a apertura dun proceso constituínte, que parta da realidade plurinacional do Estado e da fórmula republicana.
ANOVA-Irmandade Nacionalista, ante a situación indescritíbel, ante unha sociedade civil atónita e indignada, ante a tamaña proliferación de casos de corrupción e de desvergoña dos gobernantes do PP solicita:
1. A inmediata dimisión do Presidente do Goberno Mariano Rajoy e do seu Goberno.
2. Convocar unhas Eleccións Xerais a Cortes con carácter constituínte que poña remate á podremia desta 2ª restauración borbónica, que parta da realidade plurinacional do estado e da fórmula republicana para poñer o estado aos servizo das cidadanías das diversas nacións que o integramos e proceder mediante unha creba democrática a limpar todo o lixo acumulado nestas décadas.
3. Calquera outro tipo de demisión a secas, ou acompañada de petición de elección xerais sen ese carácter constituínte, como andan a pedir os partidos do pacto da reforma política, non deixan de ser paños quentes para a gravidade da creba de sistema e fórmula polítca do estado español.
Permanente da Coordinadora Nacional de ANOVA
15 de xullo de 2013

12 jul 2013

A PRESENTACIÓN DA CONTA XERAL DO 2012 EVIDENCIA A NEFASTA E IRREGULAR XESTIÓN QUE SE DA NO CONCELLO DE CAMBADOS

ANOVA está analizando os reparos feitos pola Interventora do Concello, e levará a situación ao parlamento para interpelar ao Vicepresidente Rueda.

A exposición pública da Conta Xeral do Concello de Cambados correspondente a 2012 pon en evidencia, e ratifica por escrito, unha situación que era de coñecemento público en Cambados, A CAOTICA, DESCONTROLADA E IRREGULAR XESTIÓN QUE DENDE FAI MOITOS ANOS VEN FACENDO O PARTIDO POPULAR EN CAMBADOS, situación que se acentuou na época de Cores Touris como alcalde e que se segue a manter na actulidade con Luis Aragunde.
 
Sempre se dixo que o PP utilizaba o Concello como o seu couto particular, sen respectar os principios de igualdade e transparencia, e en beneficio dos intereses do partido e dos seus dirixentes. Que había contratacións irregulares, pluses e gratificacións a determinado persoal, favores, … sempre se dixo pero poucas veces quedou tan claramente reflexada está situación en documentos oficiais como coa presentación das contas anuais do Concello correspondentes ao exercicio 2012.
 
Nestas contas os informes de reparos a xestión do concello realizados pola Interventora municipal superan en tamaño as propias contas. Hai máis de 30 informes que recollen centos de reparos sobre situacións irregulares, moitas que, a pesar de ser advertidas de xeito reiterado, seguen a realizarse ata a actualidade, o que ven a significar que o alcalde, pese a coñecer a situación de irregularidade, prefire seguir manténdoa e non facer nada por solventala.

De feito moitas destas situacións veñen manténdose dende épocas anteriores, nas que tiñan responsabiliades políticas e na xestión municipal o Delegado da Xunta en Pontevedra, Cores Touris (alcalde), o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Rueda Crespo (Secretario) e incluso o Director Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, López Uzal (Asesor Xurídico).  POR ESO NON PODEMOS DEIXAR DE CHAMAR A ATENCIÓN SOBRE SI ESTE É O MODELO DE XESTIÓN MUNICIPAL QUE DEFENDE O PARTIDO POPULAR??.
 
Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
Poderiamos agrupar os reparos de irregularidades en tres grandes grupos:

IRREGULARIDADES NA XESTIÓN DO PERSOAL:

Mes tras mes, os doce meses do ano repítense as advertencias sobre o pago de gratificacións e complementos de produtividade sen ningún tipo de xustificación previa, desbordando o número de horas permitidas pola lexislación e nos últimos meses incluso excedendo as partidas orzamentadas.
 
Ademais denuncia a interventora que se trata sempre do mesmo persoal todos os meses, e por cantidades moi similares, que as “converten en fixas e de devengo periódico”, o que nos fai preguntarnos en ANOVA se é que o Concello de Cambados paga sobresoldos a determinados empregados, moitos deles que casualmente logo fan campaña para o Partido Popular nas eleccións.
Advírtese ademais SOBRE A PERCEPCIÓN DE PLUSES DE PRODUCTIVIDADE E GRATIFICACIÓNS POR PARTE DE PERSOAL QUE TEN APROBADO O COMPLEMENTO DE ESPECIAL DISPOÑIBILIDADE E ADICACIÓN, serían os casos do anterior Secretario do Gabinete de alcaldía ou do propio Secretario do Concello.
Finalmente comentar a denuncia mes tras mes, dende o mes de Abril, da situación de contratación irregular do Asesor Xurídico do Concello, ao que se lle recoñeceu a súa condición de persoal laboral indefinido do Concello, sen que existise ningún procedemento regulamentario para a cobertura dese posto.  Non deixa de ser chamativa que unha das contratacións irregulares do Concello sexa na figura do Asesor Xurídico, que logo informará sobre outras contratacións…..  
 
 Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 

 
PRESTACIÓN DE SERVIZOS SEN NINGÚN TIPO DE LICITACIÓN:
Son numerosos e tamén reiterados os reparos que se fan a presentación de facturas por diversas empresas e profesionais todos os meses en concepto de prestación de determinados servizos, nalgúns casos dende fai moitos meses, incluso dende o ano 2003, sen que exista ningún tipo de contrato de prestación deses servizos e denunciándose por parte da Interventora municipal a ausencia de todo tipo de procedemento de licitación.
Nesta situación estarían por exemplo os servizos de asesoramento xurídico, que acumulou unha facturación de máis de 90.000 euros ao Concello, os de traballos arqueolóxicos, por máis de 60.000 de facturación, ou incluso o de suministro e tratamento de contenedores voluminosos, …
A Interventora municipal chega a conclusión de que estaríamos en presenza de “contratacións verbais”, expresamente prohibidas na administración e realizadas sen respetar ningún dos preceptos de igualdade, mérito ou capacidade.  Novamente en ANOVA temos que preguntarlle ao Alcalde Por que eses profesionais e non outros dos moitos que hai en Cambados e na comarca en paro?.  Que intereses e quen está detrás destas contratacións que pagamos todos os cambadeses cos nosos impostos?.
 
Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
 
APROBACIÓN DE GASTOS SEN EXISTENCIA DE EXPTE. DE CONTRATACIÓN:
Denuncia tamén a interventora municipal a practica continuada de presentar facturas de obras, sen que existan partidas orzamentadas e crédito dispoñible para a realización das mesmas, ningún tipo de expediente de contratación – licitación, sen constar o orzamento previo e que sexan conformadas unicamente polo propio alcalde e o capataz de obras, carecendo do visto e prace do Técnico municipal.
Volta a falar de contratacións verbais “a dedo” e sen respectar o principio de igualdade diante da administración.  Moitos dos nomes destas empresas aparecen de xeito repetitivo nos carteis de obras do Concello de Cambados e doutros Concellos gobernados polo PP na comarca, polo que en ANOVA preguntámonos: Por que se chama a estas empresas concretamente??.
 
 Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
CONCLUSIÓNS:
 
 
Que fai o PP de Cambados diante desta situación?, POÑER UNHA VENDA DIANTE DOS OLLOS, a pesar da reiteración de advertencias, segue mes a mes cometendo as mesmas irregularidades.  O Alcalde recoñece por escrito que se cometen “deficiencias administrativas” na tramitación dos expedientes pero que en aras a axilidade administrativa e o cumprimento das obrigas adquiridas vai facer caso omiso as avisos da Interventora.  Esta situación só pode explicarse polo interese do Partido Popular de manter o status quo de determinados poderes fácticos de Cambados e os privilexios que lle outorgan a algún persoal do Concello que logo lles resultan moi útiles en campaña electoral.
Para o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista de Cambados non se pode seguir ignorando estas irregularidades, entendemos que xa está ben desta situación.  Estamos nun momento en que os cidadáns están cansos de ver todos os días situacións de corrupción na política, de tratos de favor e como se manteñen determinados privilexios, polo que entendemos que o PP non pode seguir a actuar así en Cambados.
Dende ANOVA estamos analizando polo miúdo estes reparos e continuaremos a denunciar as situacións irregulares e a publicalas para coñecemento de todos os veciños de Cambados.  Tamén trasladaremos está situación ao Parlamento Galego, a través dos Deputados de Alternativa Galega de Esquerda, para que interpelen ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, e secretario en excedencia do Concello de Cambados, sobre si avala está xestión irregular e se ese é o modelo que pretende implantar nos demais Concellos o Partido Popular.

11 jul 2013

Educación nega ciclos de FP a centros públicos para concertalos con privados

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, denuncia, de novo, a continuada e brutal ofensiva da Xunta contra o ensino público. Desta volta, os planos da Consellaría de Educación pasan por negar ciclos de FP a centros públicos para logo concertalos con institutos privados. Vén de acontecer en Chapela (Redondela) co IES Chapela. A este centro, o Goberno do señor Núñez non lle autorizou impartir o ciclo formativo de grao superior en Integración social. Ao mesmo tempo, o departamento que dirixe Jesús Vázquez outorgoullo ao instituto privado C.P.R. Aloya, en Vigo. “É intolerábel e representa o enésimo ataque ao ensino e á súa calidade en tanto que servizo público”, atacan os parlamentarios de AGE no texto da pnl (no documento anexo) rexistrada na Cámara.

Alternativa pon de manifesto que o instituto vigués Aloya segrega o alumnado por sexos e ampárase ideoloxicamente no catolicismo. “Só admite mulleres e iso mal pode cadrar cos valores que se transmiten no grado superior de Integración Social”, afirman Vázquez e Ron. Pero o caso do IES Chapela non é único. Ao centro público da Xunqueira, en Pontevedra, tampouco se lle permite ofertar ese mesmo grado superior, concedido en concerto ao privado San José de la Guía. “Todo isto non fai senón confirmar as obsesións privatizadoras da Consellaría de Educación”, sinalan dende AGE, “degradar o ensino público e derivar os estudantes cara ao privado, de ideoloxía católica e mesmo segregacionista”.
Segundo Ramón Vázquez e Xabier Ron, estas decisións da Xunta ideoloxicamente reaccionarias afectan aos dereitos constitucionais dos alumnos e alumnas a recibir unha educación non segregada. Para Alternativa, o Goberno do señor Núñez debe cancelar de contado os concertos con centros privados en todas as zonas onde exista oferta de prazas públicas e autorizar ao IES Chapela a impartir o grado superior de FP de Integración Social e retirarllo ao colexio ultracatólico Aloya.

8 jul 2013

AGE denuncia as intencións da Xunta de ‘enchufar’ directivos dos chamados ‘chiringuitos’

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar, a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, unha pregunta parlamentaria sobre se a Xunta “vai integrar na Administración pública galega a ex directivos de entidades instrumentais do sector público galego vulnerando así os principios constitucionais de mérito, igualdade e capacidade?”. O Goberno do señor Núñez prepara un decreto que permitiría, expón Díaz na argumentación da pregunta , “enchufar na Administración pública galega a directivos dos chamados chiringuitos”. Todo nun contexto en que o propio Consello Consultivo cualificou o seu peche, tan cacarexado polo señor Núñez, de aforro residual.

“A Xunta prepara un documento que consagra o nepotismo na Administración pública galega”, engade Díaz, “e destrúe os criterios constitucionais de mérito, igualdade e capacidade que deben presidir as convocatorias públicas de emprego”. Ese decreto, a maiores, habilitará a posibilidade de percibir un complemento salarial durante seis anos “aínda que realizasen o mesmo labor que as súas compañeiras ou compañeiros”. “Isto non é nin austeridade nin eficacia, é nepotismo”, conclúe a viceportavoz de Alternativa.

4 jul 2013

AGE esixe á Xunta que remita ao Parlamento o expediente da fusión das caixas e deixe de ocultar información

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volve denunciar o ferrollo que o Partido Popular e a Xunta que ocupa deita sobre a comisión parlamentaria de investigación sobre as caixas de aforro. Unha das máis evidentes probas deste pano de escuridade é que, entre os 33.000 folios de documentación remitida polo Goberno galego ao Parlamento, non se atopa o expediente administrativo completo asinado pola exconselleira de Facenda Marta Fernández Currás e que sería a autorización do Executivo do señor Núñez á fusión. Fernández Currás, a maiores, negouse a comparecer na comisión. AGE agarda que a intervención do señor Núñez mañá no órgano parlamentario sirva para explicar esta decisiva ocultación de documentos.
Esta manobra da Xunta ten como único obxectivo agochar as responsabilidades do Goberno do PP na desfeita en que acabaron as caixas galegas de aforros. Porque a fusión, contra todos os embustes do señor Núñez e dos seus secuaces relatados ao longo de meses e meses, non foi avalada por informe nin auditoría ningúns. É máis, o documento co que o PP argumentou a súa aposta a prol da fracasada fusión, a que denominaba “auditoría de KPMG”, nin era unha auditoría nin afirmaba necesidade de fusión ningunha. A Xunta e a Consellaría de Facenda nin sequera enviaron á comisión parlamentaria o informe que recolle as condicións dese traballo contratado polo departamento de Fernández Currás.  
AGE esixe de novo que o Goberno do señor Núñez abandone esa querenza enfermiza pola mentira e achegue, dunha vez por todas, a documentación completa sobre o acontecido coas caixas de aforro. Así, ademais, estaría máis preto aclarar a estafa das participacións preferentes e subordinadas, que observan frustrados o paripé e o teatriño en que o PP e o seu grupo parlamentario converteron a comisión de investigación das caixas.

2 jul 2013

A Consellaría de Mar ten que facer cumprir a sentenza de Cuca para que repoña as traballadoras no seu posto

“A conselleira do Mar ou non está axeitadamente informada ou estivo dende o principio coa empresa e contra as traballadoras”. Estas son as únicas dúas explicacións que atopa o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo á actitude da Xunta no conflito das traballadoras de Conservas Cuca, Vilaxoán, contra a propiedade da empresa. A responsábel de Mar, Rosa Quintana, afirmou no Parlamento que non presionaría para cumprir unha sentenza que obrigaba á compañía a repoñer as operarias no seu posto de traballo mentres o ditame non fose firme. “Pero a conselleira ou está mal informada ou ao servizo da empresa”, expón Fajardo, “porque as sentenzas sobre ERE son executábeis dende o primeiro momento”. O xulgado do Social número 2 vén de reclamar a execución inmediata da mencionada sentenza.


1 jul 2013

O PP acosa á flota de baixura e reprime aos cefalopodeiros

A represión aos traballadores intensifícase. Esta mañá os autodenominados antidisturbios cargaban contra os
cefalopodeiros ás portas de San Caetano, en Santiago de Compostela. Os mariñeiros protestaban contra o novo decreto do polbo e a resposta da Xunta foi enviar á policía contra traballadores que defenden o seu traballo. “O PP acosa a flota de baixura”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “e emprega o delegado do Goberno para reprimir”.

Pero non foron os paus desta mañá os únicos que os Gobernos reaccionarios deron aos mariñeiros. Fajardo asegura que os métodos represores utilízanse con máis frecuencia da coñecida e que nos peiraos dáse un día si e outro tamén. “O exceso de celo e as medidas desmesuradas no control dos cefalopodeiros e de toda a flota de baixura contrastan coa permisividade noutras cuestións”, sinala o parlamentario de Alternativa, quen lembra, ademais, as nefastas actuacións do delegado do Goberno, Samuel Juárez, que “xa debería estar dimitido”. Juárez atópase á cabeza da escalada policial represora contra traballadores e activistas dos últimos meses en Galicia.
Fajardo reclama da conselleira de Mar, Rosa Quintana, unha xuntanza urxente do sector alén do Consello de Pesca para reparar o dano dun decreto, o do polbo, imposto de maneira unilateral polo Goberno galego e para procurar un acordo satisfactorio.