O conxunto da militancia das
asembleas locais de Anova – Irmandade Nacionalista na comarca reúnese este
sábado 11 de xaneiro no Centro Social San Andrés de Barrantes a partires das
18:00h para, entre outros temas, debater o papel e o programa da súa organización
de cara ós comicios europeos de maio. Como todas as asembleas de
ANOVA será aberta non só a militantes e simpatizantes, senón a todas aquelas
persoas as que lles interese coñecer a proposta ou aportar o seu grao de
area para colaborar nunha alternativa política e social contra as políticas dos
gobernos actuais.
Esta participación da
militancia insírese dentro dun proceso que rematará cun referendo en cada
asemblea para decidir a forma na que Anova – IN participará nas eleccións
europeas. Antes deste referendo das bases, a militancia terá a capacidade e
a oportunidade de exercer os seus dereitos e obrigas participando nunha
xuntanza nacional para rematar de perfilar o programa político.
Polo tanto, este sábado,
ademais de tratar cuestións de índole organizativa, a maior parte do tempo
adicarase a un, de seguro, intenso e rico debate sobre a Unión Europea e as
súas políticas no noso país e na nosa comarca, o que facer en Europa e para
que e que Europa desexamos. Todo isto dentro dun proceso aberto á cidadanía e
absolutamente transparente e horizontal, demandas que dende Anova – Irmandade
Nacionalista recollemos das voces que dende os movementos sociais e a sociedade
civil indignada somos quen de escoitar, apoiar e acompañar. Poucas
organizacións políticas son quen de abrir as portas deste xeito, permitindo que
o aire puro e a brisa do mar entre e revitalice a política, se cadra hoxe
máis necesaria ca nunca.
O que si semella claro e
que as bases de Anova – IN, ó igual que na I Asemblea Nacional e nas pasadas
eleccións autonómicas, apostarán por integrarse nunha fronte ampla non
excluínte, de marcado cariz de esquerdas para deter a ignomina e o espolio
que dende a dereita e dende a Troika e os poderes financeiros estamos a
soportar. A cuestión é saber que outras forzas políticas (partidos,
sindicatos, movementos sociais, plataforma…) vexan con bos ollos esta proposta
sincera e pensada para as maiorías sociais.