30 sept 2013

O auto do xuíz Aláez proba que a estafa do “AVE galego” determinou as eivas de seguridade

Feijoo e Blanco inaugurando o que chamaban  AVE galego,
 denominación  que Feijoo negaría logo do accidente de Angrois.

O auto xudicial ditado o pasado 24 de setembro polo xuíz Aláez, que instrúe o accidente do tren de Angrois, vén reforzar as reiteradas denuncias públicas de Alternativa Galega de Esquerda (AGE): o cambiazo do denominado Ave galego, en realidade un tren de velocidade alta, determinou a insuficiencia e as eivas nos sistemas de seguridade. O documento xudicial imputa, contra o criterio da fiscalía, aos dirixentes de Adif. “Foron decisións en última instancia políticas”, denuncia a maiores o deputado de Alternativa Antón Sánchez, “as que deron en que non se implantase o sistema de freado máis avanzado, o ERMTS, si previsto no proxecto de 2009”.

26 sept 2013

Pola derrogación das leis e normas que fan inviábel o autoconsumo enerxético

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do deputado Antón Sánchez, esixiu esta mañá a derrogación de todas as normas e leis que fan inviábel o autoconsumo enerxético. Para iso presentou unha proposición non de lei (pnl) no pleno do Parlamento en que degraña unha serie de propostas para facilitar e impulsar o autoconsumo, a pequena produción enerxética e o progresivo incremento das enerxías renovábeis en detrimento das contaminantes. O PP negouse a aceptar as iniciativas de AGE, apoiadas polo PSdeG e polo BNG –cunha emenda.

“Nós defendemos un modelo enerxético en que as renovábeis vaian gañando

O CONCELLO DE CAMBADOS DESTINOU NO 2012 MÁIS DO DOBRE DE CARTOS EN BOLSAS DE ESTUDOS PARA FILLOS DE EMPREGADOS MUNICIPAIS QUE EN AXUDAS PARA FAMILIAS CON POUCOS RECURSOS

Mentres o gasto en becas e axudas en material escolar para familias con poucos recursos baixaba en case un 70% dende o 2010 (de 6.999 a 2.250 no 2012) a de bolsas de estudos para familiares de empregados subía de 3.774 a 4.549 .

Dende a Agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Cambados xa levamos tempo denunciando a falta de sensibilidade que amosa o Goberno do PP de Cambados coas familias e veciños que peor o están pasando e sufrindo os efectos da crise económica.  Nesta ocasión queremos demostralo analizando as axudas municipais relativas a bolsas de estudos, becas e axudas para material escolar durante estes últimos anos.

No ultimo pleno puidemos escoitar presumir o Alcalde do PP de Cambados de ter uns orzamentos nos que se manteñenas partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando a realidade é que logo podemos comprobar que ao final o gasto realizado nestes conceptos si variou e bastante nos últimos exercicios… Tamén presumiu de que se ía crear unha comisión para modificar a ordenanza das bolsas municipais, pero a pesar de que o curso escolar xa comezou, e de que a proposta é do mes de Agosto, aínda non se fixo nada neste senso.

En canto ao gasto realizado, si lles botamos un ollo ás gráficas que se achegan, podemos ver que a pesar de manter a mesma partida orzamentaria nos últimos tres exercicios de 7.000,00 € (PartidaOrzamentaria 323.481.00), en troques, o gasto real cae ano tras ano, chegando, no exercicio pasado, a gastar soamente un 32,14 % da partida orzamentaria de bolsas públicas de estudo (2.250 €).  Esto significa que dende o ano 2010 reduciuse o investimento por este concepto en case un 70%, pasando de 6.999 € a 2.250 €. Xusto cando máis afecta a crise económica e cando máis axuda se precisa o Concello reduce esta partida.

Sen embargo, podemos comprobar como a partida orzamentaria para bolsas de estudos aos fillos de empregados municipais (Partida Orzamentaria 221.162.04), dispuxo nos últimos tres exercicios dunha cantidade orzamentaria de 3.500,00 €, pero tivo un gasto real no 2012 de  4.549,00 €, 1049€ por  riba do orzamentado e máis do dobre dos 2.250,00 € que se destinaron a bolsas públicas.

Este tipo de axudas ao estudo para os fillos de empregados municipais teñen a súa orixe no Convenio Colectivo do Concello de Cambados, no cal se especifica que todos os empregados municipais que teñan fillos que están cursando estudos teñen dereito a este tipo de axudas, con independencia do salario que perciban e, sen que importen as rendas do empregado municipal. Deste xeito é posible que un empregado do Concello, con salario fixo, poida acadar un importe superior ao que se lle concede a unha familia sen recursos e que solicita as bolsas públicas municipais.

O que é evidente é que esta redución no importe das bolsas públicas non se debe a que non existan rapaces que precisen o diñeiro para os seus estudos. Non hai que esquecer que, como fixo público Amigos de Galicia hai uns días na prensa, axudóuselles a un total de 21 escolares na adquisición de material escolar, e fíxose a través das colaboracións dos veciños e das librerías cambadesas. Parece que no Concello de Cambados non interesa axudarlles a estas familias e así dispoñer dun exceso de crédito nos orzamentos para destinalo ás axudas para o estudo dos fillos de empregados aínda que se exceda a partida orzamentaria.

Dende Anova cremos que urxe a creación dunha comisión municipal para crear unha nova ordenanza de bolsas, e instamos dende aquí, ao alcalde de Cambados, o señor Aragunde, a que canto antes se poña mans á obra con este asunto e que mentres tanto dende o Concello se lles preste atención a todas as familias con poucos recursos para que non teña que ser os servizos sociais e a boa vontade dos libreiros quen se ocupe de axudarlles a eses nenos.

25 sept 2013

ANOVA – O GROBE EN CONTRA DA SUBIDA DE TAXAS MUNICIPAIS




Dende a Asemblea de ANOVA Irmandade-Nacionalista Ogrobe queremos manifestar a nosa oposición á suba de taxas municipais que o Goberno de Miguel Ángel Pérez pretende aprobar no Pleno, e que conlevará un incremento dun 3,6% das taxas polos servizos de sumidoiros, abastecemento de auga, recollida de lixo e expedición de documentos.

Para ANOVA non existe ningunha xustificación válida que avale esta suba de impostos que pretende o Partido Popular, e si moitos argumentos en contra. E evidente que unha vez máis o PP local quere cargar nas costas dos grovenses a retracción de ingresos ao que as politicas de “austeridade” que os gobernos do estado e da Xunta de Galicia están a someter a administración local, e decir: “os gobernos de Mariano Rajoy e Nuñez Feijoo reducen os fondos destinados aos concellos que proceden dos impostos que pagamos todos e o Concello do Grove resposta subindo os tributos e tasas municipais O Concelleiro de facenda, Juan Luis Callón argumentou que unicamente se trababa do IPC e que estaba xa incluida no plan de axuste municipal. Estes argumentos son máis que discutibles se un “baixa a pe da rúa”  e analiza a realidade que estan a padecer os cidadáns do Grove.

Tendo en conta quer O Grove é un dos Concellos coa taxa de desemprego máis alta de toda a comarca, e que a sociedade xa está moi castigada polos efectos da crise económica, dende ANOVA consideramos que non é o momento de subir taxas, senón todo o contrario, de non sometar a máis cargas as economías das familias e das empresas, de aumentar a capacidade de aforro dos cidadáns e a reactivación económica.

Non hai que esqueder ademais que os veciños do Grove xa tiveron que soportar fai pouco as subas doutros impostos como son o de Circulación ou o IBI. Tamén que se acaba de autorizar unha suba dos recibos da luz nun 3,2% ao que hai que sumar outros “copagos” como o dos medicamentos ou o aumento das taxas de acceso a universidade.

Tampouco podemos aceptar sen máis o argumento do IPC, siglas que parece que o Partido Popular usa ou non segundo conveña a ocasión…  De feito non fai moito que a Ministra de Emprego, Fatima Bañez, presentaba unha proposta para desvincular as pensións do IPC e tamén se plantexa que os salarios non estén vinculados ao mesmo… E decir  si se trata de subir as pensións ou os salarios non vale, pero si para subir os impostos.

Sobre o costo dos servizos e o suposto defícit que xerán non debemos esquecer que todos pagamos ademais outros tributos como o IBI que deberían contribuir ao financiamento destes servizos.  Polo que o único que sustenta a suba e o desexo do PP por recadar máis para logo gastalo por exemplo na compra de material inoperativo,  como as famosas PDAs para a Policia Local que nin se chegaron a usar. Todo para manter contentos a determinados membros da coalición que sostén o goberno.

Finalmente o tema do  Plan de axuste municipal caese por si só, cando  no pasado mes de Abril o Concello anunciaba que a liquidación orzamentaria do 2012 era positiva, e informaba dun “suposto” superavit de máis de 1,5 millóns de euros. Que sentido ten logo subir a recadación das taxas??.  Acaso non era verdade entón o que decian en abril e fixeron “maquillaxe” para ocultar a verdadeira situación financieira do Concello??.

Por outra parte,  tampouco pode excusarse nunha mellora na calidade dos servizos municipais, máis ben todo o contrario. De feito é imposible non percatarse do cheiro emanate dos contenedores de lixo que levan tempo sen un adecuado mantemento.

En conclusión, a pretendida suba das taxas está totalmente inxustificada, non se aplica no momento adecuado, non ten ningunha razón de ser baseándose na información disponible sobre o costo dos servizos e da situación financieira municipal e incide na situación de afogamento dos/das veciños/as.

Mencion a parte merecenos a suba da taxa por expedición de documentos municipais, totalmente inxusta e que debería ser suprimida ou polo menos modificada. Non ten ningún sentido que un veciño empadronado no Concello, e que paga as impostos no Grove, logo pretendan cobrarselle 2 euros pola expedición dun simple certificado, que en moitas ocasións son solicitados por outros departamentos do propio Concello (servizos sociais, urbanismo, …) para xestionar tramites…  Parecenos unha auténtica burla aos veciños.


Dende ANOVA coidamos que se o Concello o que quere e aumentar a recadación e mellorar a situación das arcas do Concello, debería estudar outras formulas máis xustas como por exemplo atopar formulas nas que paguen máis as rendas máis altas e se desafogue a das familias con problemas económicos ou en vez de subir taxas cortar con gastos inxustificados como por exemplo as dedicacións exclusivas e parciais de todos os concelleiros do Goberno municipal e dos seus asesores.

Juan Callón, Concelleiro de Facenda xunto ao Alcalde, Miguel Pérez



"Nas europeas Galiza debe ter presenza como tal" - Entrevista a Beiras na TVG

Nas europeas, Galiza debe ter presenza como tal e ao tempo ser ensaio xeral dun escenario de ruptura democrática do réxime.

Dixo Xosé Manuel Beiras no Bos Días da TVG que "o réxime político do Estado está putrefacto". Nese escenario, as accións concretas deben ir encamiñadas cara unha transición política.

Entrevista a Xurxo Charlin en relación á situación dos pensionistas emigrantes retornados coa Axencia Tributaria

Nos últimos meses o goteo de de pensionistas que foron emigrantes sancionados pola Axencia Tributaria e constante, e aproximase, en número de afectados, o caso das preferentes. Dende Anova Salnes, mais alo das nosas iniciativas políticas, como a de solicitar nos concellos que se habiliten oficinas de información, quixemos consultar a un experto nestas cuestións. A entrevista podedes ollala premendo no seguinte enlace:

23 sept 2013

Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés



Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés polos conflitos laborais da empresa. O deputado Juan Fajardo insiste en que os pregos de contratación públicos impidan acordos con compañías privadas que violan os dereitos das traballadoras e traballadores

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, vén de esixir ao Sergas que revise de contado o contrato do hospital do Salnés coa empresa Clece, publicado estes días. “Non pode ser que a Administración pública contrate con empresas privadas coñecidas por violar os dereitos laborais dos traballadores”, denuncia Fajardo, “e o caso de Clece é paradigmático, envolta en numerosos conflitos laborais. Sen ir máis lonxe, contra as traballadoras e traballadores da limpeza no hospital de Vigo”.


O parlamentario de AGE volve insistir en que os pregos de contratación da Xunta con empresas privadas deben prohibir os acordos con compañías que violen a legalidade laboral e ataquen as asalariadas e asalariados. A este respecto, Alternativa xa presentou iniciativas parlamentarias, sistematicamente rexeitadas por un Partido Popular para quen o seu modelo de relacións laborais parece ollarse no espello da escravitude.


AGE abandona a comisión da corrupción pola manipulación e as imposicións do PP

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) abandonou esta mañá a denominada Comisión de estudo de medidas de prevención e erradicación da corrupción, farta da instrumentalización, da manipulación e das imposicións do Partido Popular. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, denuncia que a estratexia da dereita no órgano parlamentario vén dende a súa mesma constitución, cando o PP se negou a pactar o plan de traballo e ditou unilateralmente o seu. “Así entende a democracia o partido de Feijóo”, afirma Díaz, “só se apoias sen chistar o que eles propoñen”.
Alternativa esixira xusto antes de se constituír a ponencia –da que tamén se ausentou o BNG- a comparecencia na comisión de Modesto Fernández. Fernández era o xerente do PP galego no 2006. Nese ano, segundo figura nos papeis de Bárcenas -o ex tesoureiro do PP agora encarcerado-, a organización que presidía Alberto Núñez Feijóo recibiu máis dun millón de euros de empresas privadas que violaron a legalidade sobre financiamento de partidos. “O PP non quere explicar o seu presunto financiamento irregular, será porque oculta algo”, engade Díaz.
No plan de traballo que presentará AGE incidíase na necesidade de ter en conta non só os corruptos senón tamén os corruptores. No caso concreto do presunto financiamento irregular do partido de Núñez, estas serían as empresas que doaron cartos ao PP por riba do límite legal. A comisión da corrupción, coa maioría absoluta do PP, tampouco quere saber nada disto. “Unha vez máis, o PP aplica a mordaza ao Parlamento”, denuncia a viceportavoz de AGE.  

21 sept 2013

ANOVA (ALTERNATIVA) RIBADUMIA DENUNCIA O MAL ESTADO DO CAMPO DA BOUZA EN BARRANTES.


Enrique Oubiña ven de presentar unha moción para que o concello xestione con urxencia a substitución do céspede artificial.
O campo de fútbol da Bouza, en Barrantes, é o campo que mais uso soporta en todo o concello de Ribadumia, e actualmente o céspede artificial do mesmo presenta un estado lamentable, tendo provocado incluso algunha lesión nos xogadores de fútbol e nos nenos que xogan nel. De feito, algún arbitro ten feito constar esta circunstancia nas actas dos partidos. 

Nesta foto podese comprobar como se miramos o céspede de preto se observa o desastroso estado no que se encontra.
Dende o Clube Umia de fútbol xa teñen solicitado unha solución a esta situación, sen conseguir do Partido Popular de Ribadumia máis que promesas incumpridas do Concello e un par de “parches”, consistentes sobre todo en añadir caucho o céspede, co cal a medio prazo o único que se conseguiu foi que os xogadores teñan abrasaduras cada vez que se arrastran polo chan.   

En canto ao uso do campo: por un lado esta o Umia C. F., que cubre, con arredor de 200 xogadores,  todas as categorías posibles: Biberon, Prebenxamín A, Prebenxamín B, Benxamín , Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil, Senior, Veterano  e Feminino. Hai que resaltar que este clube realiza un traballo extraordinario de promoción do deporte, e conta cun dos poucos equipos femininos da provincia e cun dos dous únicos equipos da categoría Biberón do Salnés, o cal implica por necesidade un uso mais intenso do campo que outros equipos que contan con menos categorías, ou menos xogadores.

A maiores do anterior, este terreo de xogo é utilizado de xeito diario, durante todos os días do curso escolar, polo alumnado tanto do CEIP como do IES “Julia Becerra Malvar”, tanto na hora do recreo escolar, como na asignatura de educación física, seguramente en moitas ocasións sen usar o calzado máis adecuado para este tipo de cespede.

Esta utilización continuada no tempo, xunto a un mal  mantemento municipal produciu un enorme deterioro da alfombra de cespede artificial, a unha velocidade moito mais rápida que un campo cun uso mais normal. O que non entendemos dende Anova é como se permitiu este deterioro sen tomar medidas preventivas, nin acometer a súa substitución,chegado o momento.

Porque a situación de deterioro do céspede deste campo non é algo novo. Todas as persoas que xogan nel ou acoden a ver os partidos ou os entrenamentos,  levan mais de dous anos observando signos deste deterioro. Na actualidade a superficie resulta ser tan dura como o asfalto, provocando sobrecargas musculares e outras lesións.

  Dende Anova xa temos declarado moitas veces que as maneiras de actuar do goberno local do Partido Popular, gastando 420.000€ nun campo de futbol novo mentres o resto de instalacións quedan descoidadas como neste caso ou no do  ximnasio municipal, ou infrautilizadas como no caso do campo de Leiro, non eran as mais axeitadas. Non é de recibo que o Concello non se preocupe de manter en perfecto estado o Terreo de xogo do campo no que xogan todos os rapaces do que asisten aos únicos colexios de educación infantil e secundaria que hai no Concello, así como os dos Clube de fútbol que máis fichas e categorias ten de todo Ribadumia.

   No caso do campo de fútbol da Bouza cremos que a situación require de medidas urxentes, tendo en conta a cantidade de nenos, xoves e adultos que practican deporte alí cada día presentamos unha mocion para para conseguir tres obxectivos:

-  que o concello de Ribadumia, coa máxima urxencia, xestione a substitución do céspede artificial do campo da Bouza en Barrantes, así como de calquera instalación  ou mobiliario que estea en mal estado, 

-   que se estude e se poña en practica un plan de actuacións preventivas para axudar na medida do posible a prolongar a vida útil do céspede artificial.

-   que se revise o estado do campo regularmente, e se proceda as reparacións ou substitucións oportunas cando sexa necesario.



 En palabras de Enrique Oubiña, “presentamos a moción para que os grupos tomemos este acordo no proximo pleno, que sera, se non hai nada extraordinario, en Novembro. Pero a min gustariame que antes desta data o PP de Ribadumia teña reaccionado, e solucionado este problema, porque a situación deste campo e insostible”.

20 sept 2013

O ensino público atópase nunha situación límite

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alertou esta mañá de que o ensino público galego atópase “nunha situación límite”. A voz de alarma dérona en rolda de prensa os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, quen avisaron, ademais, de que se non se toman medidas, “levará decenios reverter este proceso”. Os ataques da Xunta do señor Núñez ao ensino público forman parte central da súa estratexia de devaluación xeral da existencia das galegas e dos galegos. Para este curso -2013-2014- fano con durísimas medidas que cuestionan o dereito á educación pública das cativas e cativos, estabelecen o repago nos comedores escolares e precarizan –aínda máis- os empregos do profesorado pola vía de aumentar as interinidades. 

“A Xunta asegura que o curso comeza con normalidade”, afirmou Xabier Ron, “pero iso é un embuste, de non ser que entendamos por normalidade un país en que 93.000 fogares están no desemprego e o paro xuvenil afecta a máis do 50% das persoas. Cun 33% de familias en situación de exclusión, non podemos falar de normalidade”. Nese contexto, a consellaría de Educación discorre un infame decreto sobre os comedores escolares para que as familias paguen por este servizo. Cando antes o 92% dos alumnos tiñan este dereito de balde, agora unha familia en que os pais cobren 825 euros de salario cada un deberá pagar 20 euros ao mes polo comedor. Se o soldo é de 1.125 euros, a tarifa que se lles aplica será a máxima, 45 euros ao mes. “Isto é o que Feijóo chama rendas altas, nin máis nin menos”, indignouse Ramón Vázquez, quen prognosticou que ese decreto fará que moitos nenos non poidan usar o comedor.
No deseño do Goberno do PP para a escola pública todo está planificado para destruír un dereito universal que só se conseguiu logo anos e anos de loita. Por iso tamén inclúe a precarización do profesorado mediante o mecanismo de facer aumentar os interinos. Só en primaria, medraron un 30% respecto do curso pasado –de 547 a 825. Mentres financia con subvencións colexios ultrarreaccionarios que segregan o alumnado por sexo, a Consellaría de Educación pecha 15 colexios públicos –case todos no rural- e deixa os sistema  con 57 aulas menos. Iso si, concerta 40 novas aulas con empresas privadas e 18 unidades de Formación Profesional. Os recortes nos cartos públicos para axudar a mercar os libros de texto –logo de eliminar a súa gratuidade- son do 10%. “O PP está a dar pasos para aclimatar o ensino á denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino [Lomce]”.
Faino tamén pola vía da españolización dos itinerarios educativos e coa redución do galego nas aulas, algo inaudito na historia da autonomía ate que o señor Núñez chegou co seu discurso contrario á lingua propia de Galicia. Aínda hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lle dar un ultimátum á Xunta para que elimine dunha vez a enquisa sobre linguas en que fundamenta o trato discriminatorio ao galego.

Os plans do PP para escola pública descartan, a maiores, a proposta que onte defendeu AGE na correspondente comisión parlamentaria de elaboración dun plan destinado a evitar carencias nutricionais no alumnado. Estas, que mestres e orientadores cadora detectan con máis asiduidade, fan preciso que a Administración pública actúe e para non deixar, así, todo en mans da caridade. A caridade e a beneficiencia foi exactamente a resposta que Alternativa obtivo do Partido Popular á súa proposta. “O PP négase e logo aproba un plan contra a obesidade, que está directamente relacionada cos problemas nutricionais”. A creación de aulas de castigo recollida no decreto que desenvolve a lei de convivencia é outro elemento máis da brutal ofensiva da dereita contra o ensino público e galego e de calidade. “Están a someter a sociedade galega a unha purga”, concluíu Ramón Vázquez.

ESPINA Y DELFÍN, EMPRESA ADXUDICATARIA DA XESTIÓN DA REDE DE SUMIDOIROS DA MANCOMUNIDADE DO SALNÉS, FIGURA NA RELACIÓN DE EMPRESAS QUE SUPOSTAMENTE FINANCIARON AO PP GALEGO

Nos papeis do “caso Bárcenas” sobre a contabilidade B do PP Galego, figura unha aportación no 2006, ano seguinte a adxudicación do contrato, por un total de 47.700 €.

Durante este verán, varios medios facíanse eco de que entre os documentos e informesque manexa o xuíz Pablo Ruz, en relación ao coñecido como “caso Barcenas” sobre o financiamento irregular do Partido Popular, figuraban informes que revelarían unha suposta contabilidade B do Partido Popular en Galicia, entre eles un informe sobre diversas doazóns, ata un total de 2.600.000 €, de empresas relacionadas coa construción e con adxudicacións de contratos da Xunta de Galicia.


Segundo a información publicada, estas doazóns non figuran na contabilidade oficial do partido e terían servido para o financiamento da campaña electoral das autonómicas do ano 2006. Entre as empresas que figuran nesa relación estaría “Espina y Delfín” cunha aportación de 47.700 Euros.

A parte do cuestión ética que pode supor que empresas que traballan e teñen contratos coa Administración Pública financien a determinados Partidos Políticos, hai que engadir que, de ser certo, constituiría unha situación irregular xa que, aínda que esta cantidade non supera o mínimo legal establecido na lexislación (que serían 60.000 €), trátase dunha empresa contratista de obra pública, feito prohibido nas leis sobre transparencia na administración e sobre financiamento de Partidos Políticos. Por certo a maioría destes contratos son dependentes da Consellería que entonces dirixía o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Pois ben, curiosamente no ano 2005 a empresa “Espina y Delfín” foi a adxudicataria do contrato administrativo da xestión integral do servizo público de sumidoiros dos Concellos do Salnés que teñen mancomunado este servizo a través da Mancomunidade (Cambados, Ribadumia e Vilanova, máis algunha zona de Meaño).   

Esta firma, única que se presentou ao concurso, facíase así tanto co mantemento da rede de sumidoiros, como das estacións de bombeo destes 3 concellos, conseguindo un contrato por un período de 25 anos, a cambio do cobro das tarifas aprobadas nos distintos Concellos...   Esta adxudicación tivo a súa polémica xa que dende a oposición denunciaron xa daquela o supoñer un incremento medio dun 23% nos recibos de saneamento.

Estamos falando da mesma empresa que esta estes días a pasar os recibos do saneamento co aumento correspondente ao ano 2013, máis o novo canón de saneamento imposto pola Lei de Augas da Xunta de Galicia;  e tamén da mesma rede desumidoiros que leva tempo causando molestias, polos continuados fallos de mantemento e cheiros, aos veciños do Concello de Cambados.


Todo o anterior e casualidade ou causalidade??? Iso tamén nos preguntamos en ANOVA Irmandade Nacionalista, que non podemos deixar de reflexionar si existe ou non democracia real cando quen goberna forma parte dun sistema corrupto ou cando hai cada día máis casos de empresas que subornan a cambio de contratos ou concesións, subornos que logo terminamos pagando os cidadáns dos nosos petos.  Pensamos que xa ten chegado o momento de esixir a clase política que respete polo menos as regras do xogo que eles mesmos tentan impoñer aos demais.  

19 sept 2013

ANOVA RIBADUMIA DENUNCIA QUE AS CONTAS DO 2012 EVIDENCIAN O DESCONTROL ORZAMENTARIO DO CONCELLO DE RIBADUMIA


Os gastos correntes disparanse e por primeira vez en anos o resultado contable é negativo en 160.000 €, con máis obrigas recoñecidas que dereitos pendentes de cobro.

No pleno celebrado o 5 de setembro o PP de Ribadumia aprobou en solitario as contas do Concello
O novo e innecesario campo de fútbol supuxo
 un desembolso de 420.000€
do ano 2012.  Na exposición previa fíxose evidente o interes do Equipo de goberno en ocultar no posible a situación real que amosa o documento sobre o estado económico – financieiro do Concello de Ribadumia, evitando debater e contestar as cuestións plantexadas polo Concelleiro Enrique Oubiña.

Dado que dende o noso punto de vista, as conclusións que amosa o documento son preocupantes,  optamos por facelas públicas, coa esperanza de que o PP de Ribadumia reflexione sobre a xestión que esta a facer dos nosos recursos,  e cara onde está a levar o Concello:

·  Resultado contable negativo (perdas): Por primeira vez en varios anos, as obrigas

AGE esixe coñecer o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco para deitar luz sobre o espolio do aforro galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de solicitar á comisión de investigación sobre as caixas de aforros que pida ao FROB o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco encargado no mes de xullo á entidade BNP-Paribás. Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, e Yolanda Díaz, viceportavoz, asinan un escrito (anexo) en esixen ao órgano parlamentario que incorpore o documento aos seus traballos. O caderno de vendas fixa o valor da entidade e, segundo a opinión de Beiras e Díaz, facelo público contribuiría “á defensa do interese de Galiza neste proceso de espolio do aforro galego”. 
É o señor Núñez e o seu Goberno quen están a facilitar o escurantista proceso de desintegración e venda do que un día foron as caixas de aforro galegas. “Ben por falta de vontade, ben por falta de peso político”, sinalan os autores da solicitude, “NovaGaliciaBanca non é considerada sistémica, no fondo porque Galiza non é sistémica para a política e a economía estatal. Así, o FROB non vai facer os esforzos que si se fan, por caso, con Bankia para conservar unha entidade galega de creto”.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso de liquidación de NovaGaliciaBanco non pode quedar na sombra e ser unicamente coñecido polos grupos financeiros que participan na rapina. Non pode ser que os fondos de investimento e os bancos saiban do caderno de vendas e do seu contido e a cidadanía galega, que cos seus cartos pagou o rescate público da entidade, non. AGE tamén pregunta ao presidente da Xunta a que se debe o seu interese en manter ocultos estes papeis.

18 sept 2013

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder ignorou sistematicamente”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei (pnl) do seu grupo parlamentario que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.
As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.
Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

17 sept 2013

Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”

“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.


“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”

15 sept 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerda unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.

As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.




13 sept 2013

ANOVA RIBADUMIA: "SOLICITAMOS A CREACIÓN DUNHA OFICINA DE ASESORAMENTO PARA EMIGRANTES RETORNADOS AFECTADOS POLAS ACTUACIÓNS DA AXENCIA TRIBUTARIA"

   O concelleiro Enrique Oubiña, e membro da agrupación local de Anova en Ribadumia, presentou esta maña no concello un escrito, que podedes consultar premendo aqui,  solicitando que se cree unha oficina de información aos emigrantes retornados afectados polas reclamacións de facenda. 

   Esta proposta xa se realizou no pasado pleno como un complemento a unha moción presentada por outro grupo. Lamentablemente, levado polo interes en politizar por completo esta cuestión, o concelleiro que presentou a moción non aceptou nin esta proposta nin outra, tamen moi importante, que supoñía instar a Xunta a axilizar os tramites de adecuación da súa situación aos emigrantes retornados que sofren unha  incapacidade permanente, único ámbito este onde a Xunta realmente pode facer algo practico, mais aló de declaracións de intencións, e mais aló do aprobado esta semana no parlamento, que tampouco supón ningunha solución inmediata..
  
A razón da nosa insistencia neste tema é que o que se esta vendo estes días, é que hai un numero cada vez mais crecente de persoas afectadas, e unha enorme desinformación.  Existen moitos casos diferentes, e de acordo coa información técnica da que se dispón, hai circunstancias e moitas situacións que poderían ter unha solución administrativa mais rápida e menos dramática. Por iso entendemos que o Concello debe implicarse e tentar axudar a resolver ou facilitar os trámites aos afectados.

  Dende Anova temos moi claro que as declaracións de intencións e os apoios institucionais son moi necesarios, pero en moitos casos insuficientes, sobre todo cando a burocracia retrasa a aplicación de solucións a persoas que viven situacións dramáticas. Por iso damos este paso adiante propoñendo medidas practicas que sirvan de axuda a esas persoas afectadas por unha inxustiza administrativa, que os leva a ser considerados estafadores, e a sufrir importantes sancións económicas. 

12 sept 2013

AGE denuncia a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta mentres arde o monte Pindo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.


“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira [de Medio Rural, Rosa Quintana], amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. No debate do pasado martes, no pleno do Parlamento, a responsábel de Medio Rural “deu datos falsos e non abordou os cambios en profundidade que precisa o modelo agrario e forestal en Galicia”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

11 sept 2013

O Concello de Cambados deixa de apoiar a Feira de Oportunidades doComercio Local que tanta falta fai non so para os comercios se nontamén para os cidadáns.


A xa habitual Feira de Oportunidades do Pequeno Comercio Local, que se viña celebrando dende fai varios anos, e que servía,non so para que o pequeno comercio local puidera darlle saída o stock acumulado nas súas tendas, se non tamén para que moitos cambadeses puideran facer as compras a un prezo reducido, nose vai celebrar na súa sétima edición, pola falta de interese deste tipo de iniciativas por parte do Goberno do Partido Popular de Cambados.

O señor Núñez agóchase e non explica no Parlamento o financiamento irregular do PP

“Unha vez máis vostede, señor Núñez, agóchase da opinión pública e do Parlamento e non explica aos cidadáns o financiamento irregular do PP de Galicia”. Sobre este eixe, a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz esixiu ao presidente da Xunta –na sesión de control do pleno do Parlamento- aclaracións sobre o financiamento irregular do seu partido, que figura entre os papeis do antigo tesoureiro do PP Luis Bárcenas. E que inclúen doazóns de empresas superiores á contía legal -60.000 euros- cando Alberto Núñez Feijóo xa presidía a organización. “Vostede contrata con esas compañías pero non dende que preside o Goberno”, espetoulle Díaz, “senón dende que era amigo de Marcial Dorado”.

Mentres o señor Núñez volvía, máis unha vez, escapulirse e non respondía ás cuestións formuladas por Alternativa, Yolanda Díaz lembráballe algunhas das súas hipócritas declaracións. “Vostede dicía que Bárcenas era unha mazá podre no partido, pero o que está poder é a cesta enteira”, afirmou. Porque amparar, e beneficiarse de, o financiamento ilegal significa “perverter a democracia”, rachar as regras do xogo e construír hexemonía política –como fixo o PP- a forza de trampas. Núñez escudouse n que falará cando llo pida un xuíz, o que indignou as bancadas da oposición. A viceportavoz de AGE preguntou daquela: “Cando vai contar nos tribunais o que aquí non se atreve?”.
Para Alternativa, o señor Núñez non é un presidente lexítimo. As súas amizades perigosas con contrabandistas e o financiamento irregular que figura nos papeis de Bárcenas e sobre o que o Partido Popular construíu parte da súa hexemonía electoral, e política, demóstrano. “O único que amosou vostede no Parlamento hoxe é que lle importa todo un bledo”, pechou Yolanda Díaz, “e repugnante é o aparello de financiamento irregular do PP galego”.

9 sept 2013

A nova lei do emprendemento do PP eximiría de licenza municipal a proxectos como Corcoesto

Antón Sanchez, deputado de A.G.E.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o denominado proxecto de lei “do emprendemento e da competitividade económica de Galicia”, publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o pasado martes, non é máis que un texto neoliberal extremista e que resume toda a propaganda de desregulación das políticas que conduciron á actual crise económica e social.

 Pero non só iso. Segundo expón Sánchez, “o Goberno do señor Núñez non dá puntada sen fío e, coa nova norma na man, proxectos mineiros e ‘aproveitamentos’ hidroeléctricos como as minicentrais non precisarían licenza municipal”. É dicir, de saír adiante, un proxecto colonial e depredador como a mina de Corcoesto aforraría autorizacións e trámites e tería aínda máis doada a súa instalación no país. “O texto reduce o control municipal á

7 sept 2013

ANOVA (Alternativa) DE RIBADUMIA CONGRÁTULASE POLO ACORDO CONSEGUIDO PARA GARANTIR O ACCESO A ESTUDOS SUPERIORES DOS XÓVENES PREXUDICADOS POLO DECRETRO DE BECAS DO MINISTRO WERT.

Acordouse que este ano se faga a través dos Servizos Sociais e para o ano estudar a creación dunha partida orzamentaria para este aspecto.

O pasado xoves celebrouse pleno en Ribadumia e entre os puntos a tratar, sobre os que iremos falando nos proximos días, estaba unha moción presentada por Enrique Oubiña que buscaba garantir o acceso a estudos medios e superiores de todos aqueles estudantes que debido ao decreto sobre a regulación de becas aprobado en Agosto polo PP, perderon ou viron reducido a posibilidade de acceder a axudas ou quedar eximidos do pago das taxas de matriculación na Universidade.
Enrique Oubiña, concelleiro
  en Ribadumia,
 e membro de Anova


Hai que lembrar que este Decreto endurece os requisitos económicos das familias e establece uns límites académicos más esixentes para a concesión das axudas. Por exemplo, unha muller solteira cun neno en idade universitaria, e que ganase 701 euros o mes, perdería o dereito a ter a beca económica de tipo xeral, pero é que independente da situación económica, e incluso ganando menos de 700€,  o seu fillo debería en calquera caso conseguir unhas notas de acceso a universidade superiores o 5,5 para que o estado se faga cargo da matricula, e de 6,5 se ademais necesitase unha axuda económica para enfrontarse os gastos de material escolar, desprazamentos, etc.

Así a moción presentada por Enrique Oubiña, expoñía está situación e solicitaba que se habilítase unha partida económica destinada a cubrir os gastos de matricula  e de taxas universitarias daquelas persoas que debido o Real Decreto 609/2013, do 2 de agosto, perderan o seu dereito a beca ou a exención das tasas de matriculación, e que se publicaran unhas bases para informar e regular o acceso a mesma.  O obxectivo, garantir que ningunha persoa de Ribadumia quedase sen poder acceder a Universidade por cuestións de tipo económico.

Logo do debate da moción, onde o equipo de goberno do PP se mostrou comprensivo coa situación inda que en contra do moción argumentando que non ía dar tempo de cumprir os acordos propostos para este ano, dado que o inicio do curso estaba demasiado próximo, conseguiuse finalmente chegar a un acordo polo cal para ese curso, vía Servizos Sociais do Concello se estudaran e valorarán todos os casos de estudantes que poidan solicitar axuda ao Concello para o pago das matriculas e taxas universitarias e de cara ao ano que ven queda recollido o compromiso do PP de estudar as necesidades reais neste aspecto en Ribadumia e a cantidade precisa para cubrir esta circunstancia, creando se se fai necesario unha partida orzamentaria.

Por desgraza, non todos os partidos estiveron a favor deste acordo. O Bng, mostrouse a favor da moción, pero rexeitou este acordo, que nos consideramos moi poisitivo, pois proporciona solucións mais alo das posturas políticas, tal como explicou o propio Enrique Oubiña:

 “para o noso grupo o importante non era unicamente que se votara ou non a moción,… senón que se puidese solucionar esta cuestión que podía truncar o futuro de alguns xóvenes de Ribadumia que tiveran aptitudes e non puideran acceder a Universidade ou a un Ciclo Superior por cuestións puramente económicas…”

“Claro que houberamos preferido que o PP local expresase unha postura contraria a este decreto mais firme, pero aínda así debemos felicitarnos polo acordo, e debemos felicitar por unha vez a agrupación local do PP.”

“Esperemos que agora cumpran co acordado, este ano a través dos Servizos Sociais e para o ano, se hai necesidade, a través da creación dunha partida nos orzamentos municipais, cunhas bases ben claras de adxudicación”.