9 abr 2013

A Lei de Universidades é un “vulgar plaxio” da norma andaluza aprobada en 2011


Trinta e seis artigos, 111 epígrafes e a estrutura do proxecto de Lei de Universidades que o conselleiro de Educación levou onte ao Parlamento de Galicia son “un vulgar plaxio” da norma andaluza aprobada en 2011 cos votos do Partido Popular. “Os únicos obxectivos que ten”, denunciou
ademais o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez, “é adaptar a universidade ao chamado espazo europeo de educación superior e someter o coñecemento xerado na educación pública aos mercados”. Non unicamente: o texto elimina o galego como lingua vehicular e estabelece uns requisitos “mínimos, case ridículos” para crear universidades privadas.


O proxecto apoiado polo PP carece, a maiores, dunha memoria económica. “Abre a porta á privatización pola vía da insuficiencia financeira”, criticou Vázquez, “e ao falar de dispoñibilidade orzamentaria falan do que queda despois de entregar os cartos á banca que roubou á xente”. A lei que a dereita, a través dos seus brazos executivo e lexislativo, quere sacar adiante afonda na estratexia do deterioro constante do ensino superior público. Só procura o desprestixio do mesmo para logo poñelo á venda. A mercantilización da universidade agochada no proxecto de lei é patente ao facer propios os argumentos do Plan Boloña e mesmo permitir a concesión de créditos –ao uso estadounidense- aos estudantes. “Queren someter o estudantado á debedocracia”, alertou o parlamentario de AGE, “ao tempo que reprimen o seu dereito a protestar. Pero os estudantes non van deixar de protestar, non se equivoque”.
O PP rexeitou as emendas da oposición e aprobou en solitario do proxecto de lei do Sistema Universitario de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario