19 abr 2013

Alfonso Rueda négase a comparecer para explicar a violencia policial contra as traballadoras de Cuca


Ninguén na Xunta de Alberto Núñez Feijóo quere dar explicacións pola violencia policial empregada contra as traballadoras de Conservas Cuca, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) a pasada semana. O grupo parlamentario do PP impediu que o vicepresidente Alfonso Rueda, responsábel das escasas competencias autonómicas en Interior e Xustiza, compareza no Parlamento para falar de como os antidisturbios serviron de forza de choque a un empresario particular e atacaron ás empregadas que loitaban polo seu posto de traballo. “Isto foi unha violación dos dereitos constuticonais elementais das traballadoras de Cuca”, denuncia o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, “e non pode ser que as denominadas forzas de orde pública se poñan a disposición dos cacos que están a saquear a empresa”.
O PP escúdase en que Rueda non ten mando na policía, pero iso non debe impedir que informe sobre o sucedido na Cámara que representa a todas as galegas e os galegos. En calquera caso, AGE solicitou formalmente á presidencia do Parlamento a comparecencia do subdelegado do Goberno en Pontevedra e máis do delegado do Goberno en Galicia. Eles deberán, daquela, relatar porque os denominados axentes antidisturbios empregaron a forza para permitir ao empresario Garabilla desmantelar a factoría de Cuca, en Vilaxoán, e porque do abuso e maltrato policial ás traballadoras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario