9 may 2013

Pedimos información sobre distintos gastos do concello de Ribadumia.



Dende Anova cremos que a maneira de facer política debe ser construtiva. Tamén cremos que dende a oposición se póde facer moito mais que quentar sillón ou levar a contraria, pero para poder realizar propostas construtivas e para poder falar de cousas tan importantes como os orzamentos municipais convén ter a máxima información posible.
  Nesta liña, onte presentamos no concello de Ribadumia un escrito solicitando diferente información e copias de facturas, que nos axuden a entender porque algúns gastos como o da telefonía con mais de 30.000€ de orzamento,  están totalmente descontrolados, e poder facer propostas razoables que axuden a reducir unha partida orzamentaria, a dos gastos correntes, que supón mais da metade dos orzamentos municipais, e que sube cada ano que pasa sen que o Partido Popular faga nada o respecto.


O documento  completo di o seguinte: 


ENRIQUE OUBIÑA LAGO,, en representación do Grupo Local de ANOVA– Irmandade Nacionalista e en calidade de Concelleiro non adscrito da Corporación do Concello de
Ribadumia; presenta o seguinte escrito para solicitar copia de diversa documentación:


ESCRITO SOLICITANDO COPIA DE DIVERSA DOCUMENTACIÓN:

No orzamento municipal aprobado para o presente ano 2013 o capítulo II de Gastos Correntes, ascende a un total de 1.251.245.- €, aumentando en 173.000 euros a cantidade orzamentada no 2012. Case o 50% do orzamento total do Concello consúmese neste capitulo, nos que figuran partidas que non paran de medrar ano a ano, mentres se reducen outras destinadas a investimento ou non figuran partidas para fomento do emprego.

Este concelleiro xa ten criticado o aumento dos gastos correntes, e demandado un plan de aforro dos mesmos para destinar máis diñeiro a servizos sociais ou creación de emprego, obtendo sempre como resposta que “non é posible reducir esas partidas”.

Novamente no orzamento aprobado para o presente ano voltan a figurar partidas e cantidades como por exemplo: diversas de publicidade e promoción por un importe total de 28.000 €; diversas de Telefonía por 31.500 €, gastos xurídicos por 3.000 € ou de Protocolo cunha previsión de outros 3.000 €.

Entendendo que algúns dos gastos que se asignan a estas partidas estarían plenamente xustificados polas labores de defensa dos intereses xerais do Concello, pola xestión diaria do mesmo, e tamén incluso pola promoción dos actos que teñen lugar en Ribadumia, maus sospeitamos que cunha mellor xestión tamén se poderían aforrar parte destes custos que ao fin e ao cabo terminamos pagando todos cos nosos impostos.

E por isto que, en aras a facer unha mellor análise destes gastos e da súa evolución os últimos anos e así poder facer propostas concretas nos diferentes ámbitos, e como parte da miña obriga de fiscalización das accións do goberno, solicito se me entreguen copias ou informe sobre a seguinte documentación:

·  Listado dos Teléfonos móbiles dos que dispón o Concello de Ribadumia, e persoal ou concelleiros aos que están asignados.
·  Desglose dos gastos de facturación de telefonía por número e departamento nos  anos 2010, 2011 e 2012.
·  Desglose dos gastos en publicidade e promoción realizados nos anos 2010, 2011 e  2012 (por departamentos) e medios que se beneficiaron dos mesmos. Copia das facturas.
 ·  Desglose das minutas e gastos xudiciais que abonou o Concello de Ribadumia nos anos 2010, 2011 e 2012 (por expediente) e copia das facturas dos mesmos.
·  Copia dos gastos de desprazamentos e dietas abonadas a alcaldía e outros membros da corporación nos anos 2010, 2011 e  2012.
·  Copia dos Gastos de “representación” (caso de habelos) abonados polo Concello de Ribadumia nos anos 2010, 2011 e  2012.

Solicitamos a entrega sucesiva, o antes posible, desta documentación e se Vd. o considera oportuno unha explicación sobre este tipo de gastos e da súa evolución no tempo no próximo pleno da corporación municipal, no apartado de rogos e preguntas.

En Ribadumia, a 07 de maio de 2013.

Enrique Oubiña Lago.






No hay comentarios:

Publicar un comentario