19 jun 2013

Alternativa Galega de Esquerda propón eliminar as comportas e construír un viaduto no acceso á enseada do Saco de Fefiñáns

 Alternativa Galega de Esquerda propón eliminar as comportas e construír un viaduto no acceso á enseada do Saco de Fefiñáns, en Cambados. O deputado Juan Fajardo afirma que esta opción contribuiría a recuperar as correntes mariñas na zona e a sanear o lugar para que volva ser produtivo para o marisqueo.
 
O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo propuxo esta tarde na comisión parlamentaria número 8 a eliminación do proxecto de instalación de comportas na enseada do Saco de Fefiñáns, en Cambados, e a construción dun viaduto. O obxectivo desta opción sería, en palabras de Fajardo, converter de novo esta zona en produtiva para o marisqueo. O Saco, logo de se erguer o dique de acceso a Tragove e as sucesivas ampliacións e recheos do porto, quedou practicamente sen saídas ao mar. Só uns tubos, no lugar onde Portos de Galicia quere agora colocar unha comportas, conectan o lugar co mar. “A deficiente xestión dos verquidos provocou unha situación de abandono e cheiros que debe ser modificada”, asegurou o parlamentario de AGE.

Fajardo, que interveu nunha proposición non de lei presentada polo BNG, acusou a Portos e ao Concello de Cambados de que a instalación de comportas só busca reter auga do mar na enseada cando baixe a mare para “realizar deportes e actividades acuáticas”. A venda dos pisos dunha grande urbanización, edificada na parte de atrás da Praza de Fefiñáns, tampouco parece allea á lóxica defendida polo PP a través das institucións que ocupa. Para Alternativa, a substitución do dique e dos tubos por un viaduto contribuiría a sanear a zona e recuperar as correntes mariñas, e posibilitaría que o Saco de Fefiñáns volvese ser produtivo para o marisqueo.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario