21 jun 2013

En defensa da sanidade pública no Salnés

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés realizou o pasado martes 18 de xuño unha mesa redonda no Auditorio de Vilagarcía na que se comentaron e debateron coa participación de profesionais sanitarios varios aspectos da política privatizadora que de maneira perversa está levando a cabo o Partido Popular así como o xeito no que se concretan nos nosos concellos: a eterna débeda pendente da ampliación do Hospital do Salnés, a construción de novos centros de saúde na comarca, o estrangulamento do financiamento para a prevención en drogodependencias, a eliminación dos centros de orientación familiar, etc.
Así mesmo, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés, da que Anova-Irmandade Nacionalista forma parte, acaba de convocar, xunto co resto de plataformas de Galiza, unha xornada de loita nacional contra os recortes e a privatización da sanidade e, no noso caso tamén pola ampliación do Hospital do Salnés para o vindeiro xoves 27 de xuño, ás 21 h. na Praza de Galiza en Vilagarcía.


En Anova-Irmandade Nacionalista temos a convicción de que só desde a participación activa de toda a cidadanía, que se ve esmagada, aldraxada, atacada, agobiada… polas políticas asasinas do Partido Popular, poderemos frear esta enxurrada antisocial, antipopular e antigalega da dereita. É por isto que animamos a todas as mulleres e homes de Vilagarcía e do Salnés a secundar a xornada de loita convocada pola Plataforma, porque se hai unha cousa certa é que XUNTAS E XUNTOS PODEMOS. Hai que paralos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario