4 jul 2013

AGE esixe á Xunta que remita ao Parlamento o expediente da fusión das caixas e deixe de ocultar información

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volve denunciar o ferrollo que o Partido Popular e a Xunta que ocupa deita sobre a comisión parlamentaria de investigación sobre as caixas de aforro. Unha das máis evidentes probas deste pano de escuridade é que, entre os 33.000 folios de documentación remitida polo Goberno galego ao Parlamento, non se atopa o expediente administrativo completo asinado pola exconselleira de Facenda Marta Fernández Currás e que sería a autorización do Executivo do señor Núñez á fusión. Fernández Currás, a maiores, negouse a comparecer na comisión. AGE agarda que a intervención do señor Núñez mañá no órgano parlamentario sirva para explicar esta decisiva ocultación de documentos.
Esta manobra da Xunta ten como único obxectivo agochar as responsabilidades do Goberno do PP na desfeita en que acabaron as caixas galegas de aforros. Porque a fusión, contra todos os embustes do señor Núñez e dos seus secuaces relatados ao longo de meses e meses, non foi avalada por informe nin auditoría ningúns. É máis, o documento co que o PP argumentou a súa aposta a prol da fracasada fusión, a que denominaba “auditoría de KPMG”, nin era unha auditoría nin afirmaba necesidade de fusión ningunha. A Xunta e a Consellaría de Facenda nin sequera enviaron á comisión parlamentaria o informe que recolle as condicións dese traballo contratado polo departamento de Fernández Currás.  
AGE esixe de novo que o Goberno do señor Núñez abandone esa querenza enfermiza pola mentira e achegue, dunha vez por todas, a documentación completa sobre o acontecido coas caixas de aforro. Así, ademais, estaría máis preto aclarar a estafa das participacións preferentes e subordinadas, que observan frustrados o paripé e o teatriño en que o PP e o seu grupo parlamentario converteron a comisión de investigación das caixas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario