24 jul 2013

UN PASO ADIANTE, GALIZA!

Manifesto de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para o 25 de xullo de 2013, Día da Matria Galega, lido publicamente o 24 de xullo diante do número 15 da Rúa do Vilar, en Compostela, onde o alcalde republicano de Santiago Ánxel Casal tiña a sede da imprenta Nós.
Aquí estamos, galegas e galegos de nación, cos pés na terra e abertas as fiestras para exercermos como pobo na loita común pola liberdade humana. A cidadanía galega que acepta a suma de vontades e experiencias dos procesos emancipadores para que a nación en si sexa nación para si.
Neste Día da Matria, a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), expresión da Fronte Ampla no Parlamento Galego que asume a tradición da esquerda e dos procesos de liberación nacional, afirma o anceio de contribuír a fornecer ao pobo galego, suxeito político con poder civil, da súa soberanía no sentido amplo, sen rebaixas nin fendas rexidas pola Troika.

A cidadanía galega debe empoderarse e facer valer os seus dereitos. Debe reaxir contra os ataques indiscriminados a todo o que nos constitúe como nación, ás nosas tradicións, á nosa lingua, aos nosos ecosistemas, ao noso territorio. Ao cabo, á nosa vida. Debe tomar a iniciativa para derrocar un réxime monárquico anacrónico, un bipartidismo entregado ao capital e lacaio das oligarquías plutocráticas, unha indecente regresión nos dereitos sociais e laborais aprobados baixo unha Constitución tutelada no seu nacemento e convertida en camisa de forza para as clases populares e as nacións sen Estado como a nosa. Somos cidadanía e non submisión. Somos pobo e non vasalaxe. Somos nación e non colonia da Corte.
O capital aumenta as ganancias mentres nos ofertan, impóñennos, precariedade laboral, mentres aumenta o lucro especulativo e mentres nos entregan á miseria. Enriquécense a base de empobrecernos baixo o abeiro da crise sistémica empregada como bomba de acio contra o pobo. Cómpre invocarmos o espírito irmandiño: “o tempo no que os pardais correrán tras dos falcóns é chegado”. As organizacións que constituímos AGE invocamos a creación de frontes amplas, non só políticas, mais tamén e sobre todo populares, contra a financiocracia, contra a destrución planetaria e contra a deshumanización do humano. A ofensiva do capitalismo merece non só unha resposta defensiva exercida mediante a resistencia, senón un paso adiante para recuperarmos o terreo aldraxado e conquistar novos dereitos colectivos. Para iso precisamos dunha acción  política común dende a esquerda inclusiva, na Galiza nosa si, mais sen fuxir de intervir tamén no Estado español e en Europa, por canto as súas administracións afectan á vida de centos de milleiros de galegas e de galegos, de persoas. Sen tatexos nin temores, para crebar de xeito definitivo o sistema que explota ao xénero humano todo.
O vieiro pasa pola exhortación á desobediencia, á rebelión cívica e á creba democrática camiño dunha nova orde rexida polas clases subalternas, na que a liberdade, a igualdade e a fraternidade sexan os lemas vencedores sobre o autoritatismo, a austeridade e o individualismo. AGE acredita nun espazo de liberdade para distintas sensibilidades que dende a esquerda asumen o dereito de autodeterminación, o dereito a decidir do pobo galego e de todos os pobos do mundo. Un espazo para impulsar e conformar o suxeito político propio, para se despegar do medo e da resignación ás decisións de poderes non democráticos como o Banco Mundial, o FMI ou a OMC, siglas estas que executan as instrucións das grandes multinacionais e das galaxias financeiras. Como ben dixo Boaventura de Sousa Santos, “cómpre convencer a xente nova que a apatía social é tan antidemocrática como o feixismo”.
As forzas que nos declaramos alternativas, que procuramos unha mudanza radical do noso modelo de sociedade, queremos unha democracia avanzada, republicana e solidaria que amplíe os marcos de liberdade e participación para garantir o benestar económico, social e cultural da cidadanía. E tamén unha sociedade consciente de que non pode vivir de costas á biosfera, unha sociedade baseada na sustentabilidade, onde as grandes opcións socioeconómicas sexan reguladas democrática e responsabelmente .
As tramas de financiamento ilegal do PP e as amizades perigosas cos narcos, que implican “as actas escuras” do presidente Núñez Feijóo, xeran unha situación obxectivamente insoportábel para calquera persoa que acredite na democracia e na ética. A corrupción sistemática nas súas diferentes modalidades (roubo, incumprimento dos programas electorais, inanidade de gobernos que responden ás esixencias do capital, bipartidismo) evidencia a creba da lexitimidade do réxime nado na falsa Transición e entréganos razóns dabondo para defender a apertura dun novo proceso constituínte, onde Galiza actúe como suxeito político soberano para facer valer a súa voz como nación.
As forzas políticas que conformamos a ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA afirmamos, coa ousadía que dá non ter ataduras nin hipotecas co réxime da II Restauración Borbónica, que os tempos son chegados. Porque son cada día máis as persoas e colectivos que rexeitan esa derrota da barbarie que marca o capital e que no noso país executa ese capataz obediente que se apelida Núñez Feijóo. ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA sostén outro rumbo, unha singradura que anoe democracia social e liberdade nacional ao traverso do exercicio do dereito de autodeterminación do pobo galego. Nós, como humildes herdeiros das forzas políticas e sociais que gañaron o referéndum do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, e que sostiveron coa razón e as armas os dereitos do pobo traballador galego diante da insurrección feixista, comprometémonos a pular polo exercicio do dereito de autodeterminación como fórmula democrática que permita enxergar outra política económica, social, ambiental e cultural a prol da maioría social galega.
VIVA A UNIDADE DAS FORZAS ANTIFEIXISTAS!

VIVA O POBO TRABALLADOR!
VIVA GALIZA CEIBE!


No hay comentarios:

Publicar un comentario