22 ago 2013

O grupo local de ANOVA en Vilagarcía celebra a ESPERADA DIMISIÓN do concelleiro de Cultura



Agarda que a súa marcha supoña un cambio na xestión da política cultural realizada polo equipo de goberno de Vilagarcía de Arousa.


Diante das novas aparecidas no día de hoxe polas que se informa da dimisión do Concelleiro de Cultura de Vilagarcía de Arousa, o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista non pode menos que celebrar a súa dimisión, que por outra parte xa se debeu producir hai meses por cuestións puramente éticas e estéticas.

ANOVA lembra que xa tiña solicitado publicamente a dimisión do Concelleiro hai tempo, a través da distribución duns folletos titulados O enterro da cultura... (achégase copia). Nestes folletos informábase aos cidadáns sobre as intencións deste Concelleiro e do PP de implantar o pago  polo uso de locais públicos e centros veciñais, de poñerlles taxas aos grupos musiciais polo acceso aos locais de ensaio e tamén pola utilización dos espazos de exposición cultural. Xa criticabamos daquela a falta e diálogo do Concelleiro, a carencia de planificación cultural do Concello e pediamos a súa dimisión por non ter lexitimidade para exercer un cargo despois das subvencións cobradas pola asociación que representaba e das que non se sabe, ou non se quere dar conta. 

A semana pasada continuamos a solicitar a súa dimisión, xa concretamente pola falta de explicacións claras sobre a xustificación da actividade Feirón Solidario, utilizando incluso o nome doutras asociacións e ONGs que si fan traballo social... Nesta ocasión tamén fixemos carteis e folletos informativos que distribuímos por toda Vilagarcía.

Por todo iso, celebramos a dimisión, e demandamos que se aclare toda esta cuestión das subvencións á asociación Dobre Espacio, xa que ninguén pode percibir diñeiro público, de todos os cidadáns, para actividades que non se realizan.  Neste sentido temos a sospeita de que a súa dimisión tamén se produce para evitar que se siga a investigar todo o conglomerado que hai detras da Federación de Asociacións Xuvenís e Prestadoras de Servizos á xuventude (FEXUGA), con asociacións vinculadas a membros do Partido Popular e de Nuevas Generaciones, moitas delas sen ningún tipo de actividade, e que supostamente recibiron importantes axudas tanto da administración central como do goberno da Xunta de Galicia.

O Grupo Local de ANOVA agarda, aínda que con poucas esperanzas, que a marcha do Concelleiro sirva tamén para correxir os moitos erros que se teñen cometido na xestión da política cultural do Concello de Vilagarcía, así como para reconducir as malas relacións existentes entre o Concello e moitas das entidades veciñais e culturais, malas relacións que incluso teñen levado ao equipo de goberno a desconfiar dos seus propios veciños, impoñendo ordenanzas e medidas que rozan o absurdo e a illarse do tecido cultural.

Así, esperamos que se retome o diálogo coas entidades e que se reformule a ordenanza de uso dos locais recollendo as achegas das asociacións e garantindo a gratuidade dos mesmos. Tamén que se mellore a coordinación coas agrupacións culturais que permitan unha adecuada planificación da programación contando coas entidades locais e finalmente solicitamos que se poñan en funcionamento novamente os locais de ensaio, e que o acceso aos mesmos sexa gratuíto para para grupos noveis de Vilagarcía de Arousa.
  

Se non é así, dende ANOVA manteremos a oposición ao equipo de goberno, denunciando a asfixia e intentos de enterrar a cultura en Vilagarcía de Arousa e apoiando e aplaudindo as iniciativas cidadás que impiden que esas intencións se fagan realidade.


En Vilagarcía de Arousa, a 21 de Agosto de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario