9 sept 2013

A nova lei do emprendemento do PP eximiría de licenza municipal a proxectos como Corcoesto

Antón Sanchez, deputado de A.G.E.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o denominado proxecto de lei “do emprendemento e da competitividade económica de Galicia”, publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o pasado martes, non é máis que un texto neoliberal extremista e que resume toda a propaganda de desregulación das políticas que conduciron á actual crise económica e social.

 Pero non só iso. Segundo expón Sánchez, “o Goberno do señor Núñez non dá puntada sen fío e, coa nova norma na man, proxectos mineiros e ‘aproveitamentos’ hidroeléctricos como as minicentrais non precisarían licenza municipal”. É dicir, de saír adiante, un proxecto colonial e depredador como a mina de Corcoesto aforraría autorizacións e trámites e tería aínda máis doada a súa instalación no país. “O texto reduce o control municipal á simple emisión dun informe”, explica o parlamentario de Alternativa, “e unha vez outorgada a concesión pola Xunta o título habilita para a actividade e a realización de obras. Só unha comunicación previa ao concello abonda para levalas adiante”.

No caso de Corcoesto, de non ser cualificado o plan como “proxecto industrial estratéxico” –de acordo coa disposición adicional primeira do proxecto de lei exclúense do seu ámbito de aplicación os proxectos industriais estratéxicos-, o proxecto non necesitaría licenza municipal. Daquela, critica Antón Sánchez, “os controis municipais practicamente desaparecerían”. No caso das minicentrais hidroeléctricas -sempre contestadas pola cidadanía- coas que o Partido Popular pretende espoliar os ríos para lle entregar os beneficios ás multinaicionais da electricidade, hai anos que a dereita teima en eliminar as competencias municipais ao respecto. Para tal propósito, adoitaba recorrer a estratáxemas como os planos supramunicipais. De se aprobar a nova lei do emprendemento, alerta AGE, xa nin sequera precisaría desas manobras.
“É preciso impedir que o PP leve adiante esta lei”, conclúe Sánchez, “ultraliberal e enfocada cara ás políticas de desregulación que foron en boa parte responsábeis da crise en que estamos. Ademais, demostra máis unha vez para quen lexisla o señor Núñez: para as multinacionais da mineiría e da electricidade que queren espoliar a nosa nación”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario