26 sept 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS DESTINOU NO 2012 MÁIS DO DOBRE DE CARTOS EN BOLSAS DE ESTUDOS PARA FILLOS DE EMPREGADOS MUNICIPAIS QUE EN AXUDAS PARA FAMILIAS CON POUCOS RECURSOS

Mentres o gasto en becas e axudas en material escolar para familias con poucos recursos baixaba en case un 70% dende o 2010 (de 6.999 a 2.250 no 2012) a de bolsas de estudos para familiares de empregados subía de 3.774 a 4.549 .

Dende a Agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Cambados xa levamos tempo denunciando a falta de sensibilidade que amosa o Goberno do PP de Cambados coas familias e veciños que peor o están pasando e sufrindo os efectos da crise económica.  Nesta ocasión queremos demostralo analizando as axudas municipais relativas a bolsas de estudos, becas e axudas para material escolar durante estes últimos anos.

No ultimo pleno puidemos escoitar presumir o Alcalde do PP de Cambados de ter uns orzamentos nos que se manteñenas partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando a realidade é que logo podemos comprobar que ao final o gasto realizado nestes conceptos si variou e bastante nos últimos exercicios… Tamén presumiu de que se ía crear unha comisión para modificar a ordenanza das bolsas municipais, pero a pesar de que o curso escolar xa comezou, e de que a proposta é do mes de Agosto, aínda non se fixo nada neste senso.

En canto ao gasto realizado, si lles botamos un ollo ás gráficas que se achegan, podemos ver que a pesar de manter a mesma partida orzamentaria nos últimos tres exercicios de 7.000,00 € (PartidaOrzamentaria 323.481.00), en troques, o gasto real cae ano tras ano, chegando, no exercicio pasado, a gastar soamente un 32,14 % da partida orzamentaria de bolsas públicas de estudo (2.250 €).  Esto significa que dende o ano 2010 reduciuse o investimento por este concepto en case un 70%, pasando de 6.999 € a 2.250 €. Xusto cando máis afecta a crise económica e cando máis axuda se precisa o Concello reduce esta partida.

Sen embargo, podemos comprobar como a partida orzamentaria para bolsas de estudos aos fillos de empregados municipais (Partida Orzamentaria 221.162.04), dispuxo nos últimos tres exercicios dunha cantidade orzamentaria de 3.500,00 €, pero tivo un gasto real no 2012 de  4.549,00 €, 1049€ por  riba do orzamentado e máis do dobre dos 2.250,00 € que se destinaron a bolsas públicas.

Este tipo de axudas ao estudo para os fillos de empregados municipais teñen a súa orixe no Convenio Colectivo do Concello de Cambados, no cal se especifica que todos os empregados municipais que teñan fillos que están cursando estudos teñen dereito a este tipo de axudas, con independencia do salario que perciban e, sen que importen as rendas do empregado municipal. Deste xeito é posible que un empregado do Concello, con salario fixo, poida acadar un importe superior ao que se lle concede a unha familia sen recursos e que solicita as bolsas públicas municipais.

O que é evidente é que esta redución no importe das bolsas públicas non se debe a que non existan rapaces que precisen o diñeiro para os seus estudos. Non hai que esquecer que, como fixo público Amigos de Galicia hai uns días na prensa, axudóuselles a un total de 21 escolares na adquisición de material escolar, e fíxose a través das colaboracións dos veciños e das librerías cambadesas. Parece que no Concello de Cambados non interesa axudarlles a estas familias e así dispoñer dun exceso de crédito nos orzamentos para destinalo ás axudas para o estudo dos fillos de empregados aínda que se exceda a partida orzamentaria.

Dende Anova cremos que urxe a creación dunha comisión municipal para crear unha nova ordenanza de bolsas, e instamos dende aquí, ao alcalde de Cambados, o señor Aragunde, a que canto antes se poña mans á obra con este asunto e que mentres tanto dende o Concello se lles preste atención a todas as familias con poucos recursos para que non teña que ser os servizos sociais e a boa vontade dos libreiros quen se ocupe de axudarlles a eses nenos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario