16 oct 2013

"A cidadanía sempre remata por derribar aos tiranos". Beiras no debate do estado da nación

Xosé Manuel Beiras debuxou esta tarde o estado dunha nación, a galega, na que “cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia”. Nunha intervención de corenta minutos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) repasou polo miúdo as desfeitas en que a reacción, encarnada en Galicia no PP do señor Núñez, deitou a Galiza e acabou chamando á cidadanía á “reconquista das liberdades cívicas e políticas efectivas porque é a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra”.
Perante a colección de embustes emitida esta mañá polo presidente da Xunta, que deixou a imaxe dun país inexistente e –segundo el- a piques de saír da crise, Beiras descendeu á terra. “Existen médicos e sanitarios que cualifican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermidades crónicas ou graves teñan que pagar polo tratamento extra hospitalario”, exemplificou, “medra a mortalidade dos vellos que non se medican polo repago, empurraron a clase labrega ao exterminio, efectúan un ataque racista e clasista contra o noso idioma”. “Carecen vostedes de sensibilidade?, son vostedes de pau?”, espetou Beiras ás bancadas do PP. Mentres, o señor Núñez comentaba entre risos as palabras do portavoz de AGE.
A descrición de Xosé Manuel Beiras foi abondo gráfica. O partido que leva Galiza cara ao abismo social e económico –ao aplicar as mesmas políticas que causan estragos en todo o sur de Europa e que son denunciadas por todos os economistas sensatos- está composto “cipaios ao servizo dos poderes que maltratan o pobo que os pariu e dálles mantenza e ate votos como llelos daban aos caciques denunciados e retratados por Castelao no seu tempo”. E fronte ás opinións da dereita extrema que comanda a Xunta, que considera este país “un simple territorio”, sinalou que, para AGE, “é tan só a base física do asentamento dun pobo. Un territorio non pode ser suxeito de dereitos políticos, só un pobo pode ser tal cousa”.
Non esqueceu o portavoz de Alternativa diagramar o contexto estatal e europeo en que a política galega está inserida e denunciou que foi xustamente o Partido Popular quen “traizoou” a Constitución ao estabelecer un límite para o déficit no seu articulado. “Son os organismo da UE que ninguén elixiu quen deciden por nós e contra nós”, explicou Beiras, “logo trasládanlle a súa decisión ao Goberno de Rajoy, quen lla transmite a vostede para que a acaten servilmente”. Nun panorama en que a democracia está baleira de significado e a dereita extrema “exerce un poder autocrático, antidemocrático, antiautonómico, opresor e despótico”, só a rebelión pode axudar a mudar o rumbo das cousas. “Abusan vostedes dunha maioría absoluta que obtiveron no 2011, máis que ben saben que non terían agora”, dixo Beiras, quen rematou acusando á dereita de “vivir en habitáculos escuros e non saber do sufrimento das casas”.
“Dos cidadáns libres está a vir a maré da rebelión cívica que acabará co poder ígnaro e autocrático de vostedes”, finalizou, “porque é a hora da cidadanía exercente como tal. É a hora da rebelión cívica como motor da nosa emancipación. É a hora dunha creba democrática con este réxime putrefacto. Como cantaba a mocidade do meu tempo fronte ao franquismo con franco, ‘venceremos nós”.
Señor Núñez, cantas vítimas máis serán precisas?

Intervención do voceiro de AGE no estado da nación



Estado da nación: Replica Xosé Manuel Beiras 




Texto da intervención de Xosé Manuel Beiras no debate sobre o estado da nación o 15 de outubro de 2013. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario