17 oct 2013

Yolanda Díaz denuncia que os recortes de Núñez significan “dramas, desafiuzamentos, paro, fame e miseria”

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda acusa ao PP de practicar “políticas criminais”, desmonta os números embusteiros da Xunta e expón as iniciativas do seu grupo parlamentario 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013.- Yolanda Díaz, viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), dedicou a súa intervención esta mañá no debate de estado da nación a desmontar cifra a cifra a enorme colección de mentiras do señor Núñez. “É vostede o presidente que máis recortou o orzamento na historia de Galiza”, afirmou Díaz, “pero falar de recortes é falar de dramas, de desafiuzamentos, paro, fame e miseria. Vostede o único que sabe facer é maquillar os números”. A débeda pública triplicouse dende 2009 –cando Núñez asumiu a presidencia-, o paro dobrouse e a pobreza atinxe –segundo datos de Cáritas- a 650.000 cidadáns galegos.

A viceportavoz de Alternativa acusou ao PP comandado por Núñez de “practicar políticas criminais e mentir, a continuación, nas cifras”. “Un de cada tres parados xa non cobran prestación”, expuxo Días, “e vostedes xa nin sequera practican a caridade, non son a dereita da caridade, son a dereita da fame”. Co pano de fondo da variación do 12,9% de desempregados rexistrados en 2009 ao 22,6 no ano en curso -278.000 galegas e galegos -segundo a Enquisa de Poboación Activa-, as accións da dereita encarnada polo Partido Popular cóntanse por ataques furibundos contra as maiorías sociais e as traballadoras e traballadores deste país. “Retire o decreto dos comedores e dedique cartos ao ensino público”, clamou Díaz, “e supriman paseniñamente, fíxese que digo paseniñamente, os concertos con colexios privados”. AGE presentou resolucións ao respecto de todas estas cuestións, sistematicamente rexeitadas polos conservadores.


Yolanda Díaz denunciou a miseria á que as políticas neoliberais ditadas pola troika e aplicadas con rigor extremo e puxo, entre outros exemplos, a pensión media en Galiza: 721 euros. 527 no caso de pensionistas que cotizasen como autónomos. Diante da demolición programada dos precarios consensos sociais do país, Alternativa Galega de Esquerda propuxo, pola voz de Díaz, unha renda básica universal. “A xente, polo mero feito de vir ao mundo, ten dereito a comer”, asegurou. E acto seguido lembrou que neste país hai 290.326 vivendas baleiras. “Casas sen xente e xente sen casas”, dixo, “expropiemos as casas baleiras, porque houbo 9.000 desafiuzamentos dende que vostede, señor Feijóo, é presidente”. Alternativa tamén centrou algunha das súas propostas de resolución en medidas orientadas nese sentido. O PP non quixo saber nada.

A viceportavoz de Alternativa rematou cualificando de “inmoralidade” a baixada do IRPF anunciada, cal coello sacado do chapeu, por Núñez o martes, xusta á semana seguinte de subir o denominado “céntimo sanitario”. “Baixa un imposto directo e sobe un indirecto, iso é a súa inmoralidade”, explicou. Logo de esixir o rescate público da AP-9 –“xa está máis que amortizada”- e do hospital en construción de Vigo, Yolanda Díaz espetoulle a Núñez “tres grandes fracasos” en política industrial e económica: a liquidación das caixas, a caída de Pescanova e a inexistencia, malia ás reiteradas mentiras do presidente da Xunta, dos contratos de PEMEX.

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, no debate sobre o estado da nación.



Réplica da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, na defensa das resolucións de AGE no debate do estado da nación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario