18 nov 2013

A PROMOTORA DA ÁREA COMERCIAL DE DEIRO ENTRA EN CONCURSO DE ACREDORES MENTRES O ACALDE SEGUE SEN DAR EXPLICACIÓNS

O Grupo local de ANOVA en Vilanova de Arousa critica a actitude do goberno local, que  oculta  información e é incapaz de dar a cara diante dos propietarios afectados e dos vecinos.

Xente entregando Curriculums no Concello de Vilanova
para o Centro Comercial meses antes das eleccións municipais.
O Grupo Local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Vilanova de Arousa quere informar os cidadáns de Vilanova, os membros da xunta de compensación da Área Comercial de Deiro e os propietarios de terreos que aínda non acabaron de cobrar a cesión dos mesmos, que a sociedade promotora da Área Comercial, DESARROLLOS VILANOVA, está en concurso de acredores e xa dende finais do mes de setembro con administración concursal designada e coas facultades de administración intervidas.

No pasado mes xuño, ANOVA xa advertiu que a mala situación financeira pola que pasaba a sociedade, o que unido á falta de perspectivas a curto prazo para acometer o desenvolvemento do proxecto, levouna a presentar pre-concurso. Informabamos de que a propia sociedade argumentaba como razóns para presentar o pre-concurso “que non fora capaz nestes anos de atopar socio investidor, promotor ou comprados dos terreos, a pesar de ser a súa principal prioridade” e de que propoñía aprazamentos dos pagos de ata 5-6 anos...

Xa daquela criticabamos a actitude do Concello por ocultar información sobre a situación real deste proxecto e enganar os cidadáns “vendendo fume”. Tamén lle pediamos explicacións dada a enorme implicación política do propio alcalde con este proxecto e tendo en conta ademais que o Concello forma parte da xunta de compensación creada para o desenvolvemento urbanístico da zona na que se tiña pensado facer a área comercial.  Lamentablemente coma sempre Gonzalo Durán perdeu a oportunidade de rectificar e pedir desculpas e o que fixo foi “botar balóns fóra" intentando desacreditar “o mensaxeiro”, acusándonos de mentir e cualificándonos “do peor”...

Pois ben, o tempo termina sacando á luz a verdade... Como demostra a documentación que adxuntamos no pasado mes de setembro, a sociedade DESARROLLOS VILANOVA presentaba solicitude de DECLARACIÓN DE CONCURSO DE ACREDORES, recoñecendo un pasivo de 2.190.646,55 €, procedentes na súa maior parte dun crédito hipotecario existente sobre os propios terreos. O Xulgado xa nomeou un administrador concursal (a empresa Forensic Solutions, SLP) que os administradores conservan as facultades de administración, pero sometidas a intervención dos administradores concursais, ou o que é o mesmo, non poderan tomar ninguna decisión transcendente para o desenrolo da actividade, sen o consentimento dos recentemente nomeados administradores concursais, para tentar chegar a un acordo cos acredores, ou se non é viable, proceder á liquidación da mesma con todos os seus activos, incluídos os dereitos sobre os terreos da área comercial de Deiro.

Esta actuación supón un novo atranco no desenvolvemento desa área comercial, cando menos a curto – medio prazo, todo co máis absoluto silencio por parte de quen foi o seu máximo impulsor e defensor, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán.  Ao final terá que recoñecer que de “proxecto consolidado e firme” nada de nada; que o único que había era un intento de “pelotazo urbanístico” que se esfarelou como unha pedra de azucre pola crise do ladrillo.  

A entrada en concurso deixa na incertidume tanto os particulares donos de terreos que venderon e aínda non cobraron, como aqueles propietarios que quedaron incluídos na xunta de compensación. Os primeiros porque están a mercé do acordo de “quita e aprazamento de pagos”  ao que chegue a administración concursal cos acredores, pero tendo en conta que o principal acredor da sociedade e unha Entidade Financeira cos seus créditos privilexiados dos restantes, o ter unha garantía hipotecaria sobre os únicos activos da sociedade, que pode supor renunciar a parte da débeda e aprazar o cobro da mesma por varios anos; ou incluso no caso de non chegar a acordo e ter que liquidarse a sociedade perder parte ou toda a débeda xa que os terreos hipotecados terían que ir a subasta publica, na que faise moi difícil a adxudicación, por que solen quedar desertas.


E no caso dos propietarios que non venderon están en similar situación, xa que son membros dunha xunta de compensación duns terreos “indivisibles” que están afectados por unha hipoteca dunha empresa en concurso que pode chegar a liquidación, é dicir, ata que se resolva o concurso, non poden facer nada nos terreos e tampouco parece que se vaian desenvolver en varios anos.


Xente entregando Curriculums no Concello de Vilanova
para o Centro Comercial meses antes das eleccións municipais.
É por todo isto polo que dende ANOVA volvemos interpelar ao Goberno de Vilanova, e presentaremos un escrito no Concello nese sentido, para que dea explicacións públicas sobre a situación na que se atopa a Área Comercial; qué vai facer o Concello como membro da Xunta de Compensación para defender os seus dereitos, xa que tamén é propietario, e os dos demais propietarios veciños de Vilanova de Arousa e finalmente qué vai supor esta situación para a situación financeira do propio Concello.



Non hai que esquecer ao fío de todo isto que o Concello de Vilanova acaba de aprobar o seu segundo Plan de Axuste Financeiro que establece medidas e recortes para os próximos 10 anos e que tiña unha póliza de crédito solicitada para a compra do Pazo Vista Real vinculada aos ingresos que ía percibir pola venda do aproveitamento urbanístico que lle correspondía nesa Área Comercial, e que o propio Alcalde dixo que se podía transformar nun préstamo hipotecario, xa que estes ingresos parece que serán moi difícil de concretarse a medio prazo, pero que terá un alto custe financeiro para as xa maltrechas arcas municipais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario