10 ene 2014

ANOVA – IRMANDADE NACIONALISTA NO SALNÉS DEBATE SOBRE AS ELECCIÓNS EUROPEAS

O conxunto da militancia das asembleas locais de Anova – Irmandade Nacionalista na comarca reúnese este sábado 11 de xaneiro no Centro Social San Andrés de Barrantes a partires das 18:00h para, entre outros temas, debater o papel e o programa da súa organización de cara ós comicios europeos de maio. Como todas as asembleas de ANOVA será aberta non só a militantes e simpatizantes, senón a todas aquelas persoas as que lles interese coñecer a proposta ou aportar o seu grao de area para colaborar nunha alternativa política e social contra as políticas dos gobernos actuais.

Esta participación da militancia insírese dentro dun proceso que rematará cun referendo en cada asemblea para decidir a forma na que Anova – IN participará nas eleccións europeas. Antes deste referendo das bases, a militancia terá a capacidade e a oportunidade de exercer os seus dereitos e obrigas participando nunha xuntanza nacional para rematar de perfilar o programa político.

Polo tanto, este sábado, ademais de tratar cuestións de índole organizativa, a maior parte do tempo adicarase a un, de seguro, intenso e rico debate sobre a Unión Europea e as súas políticas no noso país e na nosa comarca, o que facer en Europa e para que e que Europa desexamos. Todo isto dentro dun proceso aberto á cidadanía e absolutamente transparente e horizontal, demandas que dende Anova – Irmandade Nacionalista recollemos das voces que dende os movementos sociais e a sociedade civil indignada somos quen de escoitar, apoiar e acompañar. Poucas organizacións políticas son quen de abrir as portas deste xeito, permitindo que o aire puro e a brisa do mar entre e revitalice a política, se cadra hoxe máis necesaria ca nunca.

O que si semella claro e que as bases de Anova – IN, ó igual que na I Asemblea Nacional e nas pasadas eleccións autonómicas, apostarán por integrarse nunha fronte ampla non excluínte, de marcado cariz de esquerdas para deter a ignomina e o espolio que dende a dereita e dende a Troika e os poderes financeiros estamos a soportar. A cuestión é saber que outras forzas políticas (partidos, sindicatos, movementos sociais, plataforma…) vexan con bos ollos esta proposta sincera e pensada para as maiorías sociais.



No hay comentarios:

Publicar un comentario