Beiras comezou a súa intervención cunha homenaxe ao
economista e escritor José Luis Sampedro, morto hai uns días, “un deses
seres humanos que fan a un sentirse orgullos de ser humano, o contrario do que
acontece con vostede, señor Núñez”. Despois acusou ao presidente de
realizar un recital de desvergoña e desprezo aos cidadáns do común coas súas
incríbeis explicacións. “Eu son vello e vinlle a
faciana ao fascismo”,
expuxo para relatar o podre territorio moral en que arraiza a dereita extrema,
“e vin como eses que paseaban xente logo eran católicos de misa diaria”. Falou
así xusto despois de que o señor Núñez intentase reducir a súa amizade con Marcial
Dorado, un dos grandes capos do contrabando de tabaco e logo do narcotráfico, a
un pecado de mocidade –en realidade, Feijóo tiña 34 anos, era
número dous da Consellaría de Sanidade e medraba politicamente á sombra de
Romay Beccaría.
“Vostede optou por se inserir nun medio social
reaccionario, fascistoide, que se chama AP e logo PP e cuxas relacións co
contrabando e o narco están máis que documentadas”, describiu. Neses anos,
lembrou, só as nais coraxe de Arousa se erguían publicamente contra o
narcotráfico “e aínda choraban hai uns días cando falaban cos
portavoces da oposición”. E mentres o señor Núñez quería matar o mensaxeiro
–os e as xornalistas que publicaron as xa célebres imaxes das súas travesías en
iate con Dorado-, Beiras deixou clara o posicionamento de Alternativa: “A chave
do problema non é unha relación entre dous individuos, senón entre ética e
política”. Á dereita do PP válelle calquera argumento, calquera relación,
calquera contacto, para conservar o poder e desde ese lugar ser máis funcional
aos intereses das clases que representa.
O señor Núñez refuxiouse en que non coñecía a que se
dedicaba o seu compañeiro de navegación e ocio –con Dorado viaxou, que se
saiba, a Tenerife, Picos de Europa ou Portugal-. Pero non podía ser.“Se
vostede non sabía o que acontecía neste país”, apuntou o portavoz de Xosé
Manuel Beiras, “que había nais loitando contra o narco, que había rapaces
morrendo de sida, como podía ser vostede alto cargo de Sanidade”. O señor
Núñez, na súa soberbia, nesa prepotencia que caracteriza a dereita española,
non aclarou nada. Despachouse co ventilador contra os tres grupos de oposición
e marchou por onde viñera entre os aplausos e risos hooligan das
bancadas do seu partido. “É vostede a indecencia feita política, o desprezo”,
foi rematando, “pero o poder está oco, aínda que siga vostede co seu narcisismo
mentres o pobo podrece”. Beiras rematou cun chamado ao exercicio da democracia,
“o exercicio do poder polo pobo”, porque o señor Núñez gañou as eleccións en outubro
do pasado anos pero “xa non ten a lexitimidade para seguir no Goberno”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario