13 abr 2013

INDIGNACIÓN de ANOVA – IN de Cambados polas explicacións de Feijoo sobre a súa relación con Marcial Dorado e o silencio cómplice do PP local.


Dende o Grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Cambados queremos mostrar publicamente a nosa indignación polas continúas escusas e mentiras, que estes últimos días están a utilizar os dirixentes do PP para tentar explicar e xustificar o inexplicable e inxustificable; a relación de “ocio” que se demostrou ter entre o actual presidente da Xunta, Núñez Feijoo e Marcial Dorado, nos anos nos que Núñez Feijoo ocupaba un alto cargo na Xunta de Galicia, para máis INRI en Sanidade.
A terca realidade deixou en evidencia ao PP e a Núñez Feijoo, xa que ao final houbo máis anos de relación dos que inicialmente se recoñeceron, máis encontros dos que se falaron, moitos máis viaxes das que se dixeran, houbo contratos dos que non se lembra, pero polo contrario, non se esquecía de que había neve... Demasiada relación e demasiadas viaxes como para argumentar que só o coñecía “indirectamente”….   
A situación agrávase se temos en conta o contexto daqueles anos, cos Centros de Atención a Drogodependencias comezando a recibir unha marea de afectados, co VIH-SIDA en plena expansión, e coas nais e pais manifestándose nas rúas para denunciar os efectos que estaba a causar o narcotráfico. Nese contexto un alto cargo de sanidade non pode dicir que “tiña descoñecemento”….   
      
As súas intervencións sobre este tema no parlamento galego, principal institución de Galicia revelaron a baixa catadura moral e a falta total de ética que ten, demostrando como lle dixo X. M. Beiras, “que serían capaces de calquer cousa con tal de manterse no poder”.  
Pero dende o Grupo Local de ANOVA tamén temos que criticar a actitude que toman os dirixentes do PP de Cambados, perfectamente coñecedores das desgrazas que supuxo a lacra do narcotráfico na comarca (mortes por SIDA, persoas que a droga lles causou unha grave enfermidade mental, mortes arrepiantes por axustes de contas, …) e que, sen embargo, manteñen un silencio cómplice que lles impide apoiar incluso a iniciativa están a levar a cabo membros da asociación Desperta Cambados, para solicitar a dimisión de Alberto Núñez Feijoo.

 
Igual o que pasa e que tamén están afectados polo mesmo pecado orixinal que Feijoo e non conseguiron superalo aínda…; non debemos esquecer como naquela época o PP de Cambados agasallaba publicamente a outro narcotraficante condenado, Sito Miñanco.


Dende ANOVA – Cambados vista a traxectoria do PP de Cambados nestas lides, a falta de autocrítica interna, e o silencio que manteñen sobre Feijoo, lévanos a concluír que o acto desta semana, acudindo Luis Aragunde a inaugurar unha exposición organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico buscaba máis o silencio da Fundación, a través da colaboración na mesma a conta dos impostos de tódolos veciños, que a demostración de que o Concello de Cambados condena as relacións dos políticos co narcotráfico...  A demostración de que efectivamente a sociedade de Cambados está contra o narcotráfico non son as inauguracións do alcalde senón que son iniciativas cidadáns como a de DESPERTA que sen embargo non contan co apoio do PP, MÁIS BEN TODO O CONTRARIO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario