28 jun 2013

ANOVA SOLICITA QUE SE TOMEN MEDIDAS PARA EVITAR O DERRUBAMENTO DO TEITO DO TEMPLO DA PASTORIZA E QUE SE PROCEDA AO SEU ACONDICIONAMENTO

Demanda que se actúe dilixentemente para evitar a mala imaxe que suporía o abandono deste monumento, con parte do teito xa caído, no inicio da Volta ciclista a España.


Dende o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Vilanova de Arousa queremos facer un chamamento ao Concello de Vilanova de Arousa e ás demais institucións implicadas na promoción turística e na conservación do seu patrimonio (Deputación Provincial de Pontevedra e Xunta de Galicia), para que presten atención sobre o lamentable estado no que se atopa o templo da Pastoriza, tamén coñecido como A Igrexa Vella,  situada en pleno centro urbano de Vilanova de Arousa e a poucos metros de onde se vai ubicar a saída da Volta Ciclista a España.

Calquera que se achege a visitalo pode comprobar a situación de degradación e deterioro no que se atopa. A simple vista pode apreciarse que caeu unha parte do tellado e entra auga o que fai deteriorar aínda máis rapidamente o resto, cun grave risco de derrubamento....  É evidente que de non tomar medidas antes do próximo inverno, a situación volverase irreversible. 

Esta igrexa é do século XVIII, dá nome a todo o barrio no que se asenta e destaca tamén por ser o templo no que se bautizou o escritor Valle Inclán. Dende fai máis de 50 anos non se celebran actos relixiosos nela, pero si se utilizou durante anos como lugar de ensaio da Banda de Música municipal.  No seu día falouse da súa recuperación, pero parece que as administracións perderon o interese pola conservación deste importante elemento patrimonial de Vilanova.

No mes de agosto vai ter lugar a saída da Volta Ciclista a España dende Vilanova, a pouquiños metros de onte está a igrexa.  Non se pode esquecer a importancia que isto pode ter para a promoción turística. Sabemos ademais que o criterio sobre este tipo de retransmisións non queda soamente no estritamente deportivo, senón que se fai unha radiografia paisaxística e monumental da zona pola que pasa a Volta, con moitas imaxes dende helicóptero.  Non quererá o Concello ofrecer a calamitosa imaxe do tellado da igrexa derrubado por todas as televisións do Estado?

Tamén lembramos as viaxes que o Alcalde, Gonzalo Durán, fixo a Strafford para, segundo afirmaba, copiar o modelo de promoción cultural que alí existe arredor da figura de Shakespeare.  Pois ben, a Igrexa Vella tería a mesma representación cá Igrexa da Santisima Trindade nos libros de Willian Shakespeare, coa diferenza de que unha está restaurada e é lugar de culto e visitas e a da Pastoriza esta a caer polo abandono do Concello e doutras administracións.

 Dende ANOVA solicitámoslle ao Concello que actúe contra o reloxo (en argot ciclista) e que xa que a Deputación vai a gastar preto de 2 millóns de euros para poder cortar a cinta inaugural da Volta ciclista, apareza unha partida para arranxar a parte derrubada e para que se corrixan os elementos necesarios para evitar que se veña abaixo o tellado definitivamente.


Solicitamos tamén que por tarde dos técnicos municipais se faga un informe do estado estructural do templo e das medidas precisas para o seu acondicionamento e posta en valor. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario