12 jul 2013

A PRESENTACIÓN DA CONTA XERAL DO 2012 EVIDENCIA A NEFASTA E IRREGULAR XESTIÓN QUE SE DA NO CONCELLO DE CAMBADOS

ANOVA está analizando os reparos feitos pola Interventora do Concello, e levará a situación ao parlamento para interpelar ao Vicepresidente Rueda.

A exposición pública da Conta Xeral do Concello de Cambados correspondente a 2012 pon en evidencia, e ratifica por escrito, unha situación que era de coñecemento público en Cambados, A CAOTICA, DESCONTROLADA E IRREGULAR XESTIÓN QUE DENDE FAI MOITOS ANOS VEN FACENDO O PARTIDO POPULAR EN CAMBADOS, situación que se acentuou na época de Cores Touris como alcalde e que se segue a manter na actulidade con Luis Aragunde.
 
Sempre se dixo que o PP utilizaba o Concello como o seu couto particular, sen respectar os principios de igualdade e transparencia, e en beneficio dos intereses do partido e dos seus dirixentes. Que había contratacións irregulares, pluses e gratificacións a determinado persoal, favores, … sempre se dixo pero poucas veces quedou tan claramente reflexada está situación en documentos oficiais como coa presentación das contas anuais do Concello correspondentes ao exercicio 2012.
 
Nestas contas os informes de reparos a xestión do concello realizados pola Interventora municipal superan en tamaño as propias contas. Hai máis de 30 informes que recollen centos de reparos sobre situacións irregulares, moitas que, a pesar de ser advertidas de xeito reiterado, seguen a realizarse ata a actualidade, o que ven a significar que o alcalde, pese a coñecer a situación de irregularidade, prefire seguir manténdoa e non facer nada por solventala.

De feito moitas destas situacións veñen manténdose dende épocas anteriores, nas que tiñan responsabiliades políticas e na xestión municipal o Delegado da Xunta en Pontevedra, Cores Touris (alcalde), o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Rueda Crespo (Secretario) e incluso o Director Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, López Uzal (Asesor Xurídico).  POR ESO NON PODEMOS DEIXAR DE CHAMAR A ATENCIÓN SOBRE SI ESTE É O MODELO DE XESTIÓN MUNICIPAL QUE DEFENDE O PARTIDO POPULAR??.
 
Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
Poderiamos agrupar os reparos de irregularidades en tres grandes grupos:

IRREGULARIDADES NA XESTIÓN DO PERSOAL:

Mes tras mes, os doce meses do ano repítense as advertencias sobre o pago de gratificacións e complementos de produtividade sen ningún tipo de xustificación previa, desbordando o número de horas permitidas pola lexislación e nos últimos meses incluso excedendo as partidas orzamentadas.
 
Ademais denuncia a interventora que se trata sempre do mesmo persoal todos os meses, e por cantidades moi similares, que as “converten en fixas e de devengo periódico”, o que nos fai preguntarnos en ANOVA se é que o Concello de Cambados paga sobresoldos a determinados empregados, moitos deles que casualmente logo fan campaña para o Partido Popular nas eleccións.
Advírtese ademais SOBRE A PERCEPCIÓN DE PLUSES DE PRODUCTIVIDADE E GRATIFICACIÓNS POR PARTE DE PERSOAL QUE TEN APROBADO O COMPLEMENTO DE ESPECIAL DISPOÑIBILIDADE E ADICACIÓN, serían os casos do anterior Secretario do Gabinete de alcaldía ou do propio Secretario do Concello.
Finalmente comentar a denuncia mes tras mes, dende o mes de Abril, da situación de contratación irregular do Asesor Xurídico do Concello, ao que se lle recoñeceu a súa condición de persoal laboral indefinido do Concello, sen que existise ningún procedemento regulamentario para a cobertura dese posto.  Non deixa de ser chamativa que unha das contratacións irregulares do Concello sexa na figura do Asesor Xurídico, que logo informará sobre outras contratacións…..  
 
 Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 

 
PRESTACIÓN DE SERVIZOS SEN NINGÚN TIPO DE LICITACIÓN:
Son numerosos e tamén reiterados os reparos que se fan a presentación de facturas por diversas empresas e profesionais todos os meses en concepto de prestación de determinados servizos, nalgúns casos dende fai moitos meses, incluso dende o ano 2003, sen que exista ningún tipo de contrato de prestación deses servizos e denunciándose por parte da Interventora municipal a ausencia de todo tipo de procedemento de licitación.
Nesta situación estarían por exemplo os servizos de asesoramento xurídico, que acumulou unha facturación de máis de 90.000 euros ao Concello, os de traballos arqueolóxicos, por máis de 60.000 de facturación, ou incluso o de suministro e tratamento de contenedores voluminosos, …
A Interventora municipal chega a conclusión de que estaríamos en presenza de “contratacións verbais”, expresamente prohibidas na administración e realizadas sen respetar ningún dos preceptos de igualdade, mérito ou capacidade.  Novamente en ANOVA temos que preguntarlle ao Alcalde Por que eses profesionais e non outros dos moitos que hai en Cambados e na comarca en paro?.  Que intereses e quen está detrás destas contratacións que pagamos todos os cambadeses cos nosos impostos?.
 
Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
 
APROBACIÓN DE GASTOS SEN EXISTENCIA DE EXPTE. DE CONTRATACIÓN:
Denuncia tamén a interventora municipal a practica continuada de presentar facturas de obras, sen que existan partidas orzamentadas e crédito dispoñible para a realización das mesmas, ningún tipo de expediente de contratación – licitación, sen constar o orzamento previo e que sexan conformadas unicamente polo propio alcalde e o capataz de obras, carecendo do visto e prace do Técnico municipal.
Volta a falar de contratacións verbais “a dedo” e sen respectar o principio de igualdade diante da administración.  Moitos dos nomes destas empresas aparecen de xeito repetitivo nos carteis de obras do Concello de Cambados e doutros Concellos gobernados polo PP na comarca, polo que en ANOVA preguntámonos: Por que se chama a estas empresas concretamente??.
 
 Preme na Imaxe para ver un exemplo.
 
CONCLUSIÓNS:
 
 
Que fai o PP de Cambados diante desta situación?, POÑER UNHA VENDA DIANTE DOS OLLOS, a pesar da reiteración de advertencias, segue mes a mes cometendo as mesmas irregularidades.  O Alcalde recoñece por escrito que se cometen “deficiencias administrativas” na tramitación dos expedientes pero que en aras a axilidade administrativa e o cumprimento das obrigas adquiridas vai facer caso omiso as avisos da Interventora.  Esta situación só pode explicarse polo interese do Partido Popular de manter o status quo de determinados poderes fácticos de Cambados e os privilexios que lle outorgan a algún persoal do Concello que logo lles resultan moi útiles en campaña electoral.
Para o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista de Cambados non se pode seguir ignorando estas irregularidades, entendemos que xa está ben desta situación.  Estamos nun momento en que os cidadáns están cansos de ver todos os días situacións de corrupción na política, de tratos de favor e como se manteñen determinados privilexios, polo que entendemos que o PP non pode seguir a actuar así en Cambados.
Dende ANOVA estamos analizando polo miúdo estes reparos e continuaremos a denunciar as situacións irregulares e a publicalas para coñecemento de todos os veciños de Cambados.  Tamén trasladaremos está situación ao Parlamento Galego, a través dos Deputados de Alternativa Galega de Esquerda, para que interpelen ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, e secretario en excedencia do Concello de Cambados, sobre si avala está xestión irregular e se ese é o modelo que pretende implantar nos demais Concellos o Partido Popular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario