11 jul 2013

Educación nega ciclos de FP a centros públicos para concertalos con privados

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, denuncia, de novo, a continuada e brutal ofensiva da Xunta contra o ensino público. Desta volta, os planos da Consellaría de Educación pasan por negar ciclos de FP a centros públicos para logo concertalos con institutos privados. Vén de acontecer en Chapela (Redondela) co IES Chapela. A este centro, o Goberno do señor Núñez non lle autorizou impartir o ciclo formativo de grao superior en Integración social. Ao mesmo tempo, o departamento que dirixe Jesús Vázquez outorgoullo ao instituto privado C.P.R. Aloya, en Vigo. “É intolerábel e representa o enésimo ataque ao ensino e á súa calidade en tanto que servizo público”, atacan os parlamentarios de AGE no texto da pnl (no documento anexo) rexistrada na Cámara.

Alternativa pon de manifesto que o instituto vigués Aloya segrega o alumnado por sexos e ampárase ideoloxicamente no catolicismo. “Só admite mulleres e iso mal pode cadrar cos valores que se transmiten no grado superior de Integración Social”, afirman Vázquez e Ron. Pero o caso do IES Chapela non é único. Ao centro público da Xunqueira, en Pontevedra, tampouco se lle permite ofertar ese mesmo grado superior, concedido en concerto ao privado San José de la Guía. “Todo isto non fai senón confirmar as obsesións privatizadoras da Consellaría de Educación”, sinalan dende AGE, “degradar o ensino público e derivar os estudantes cara ao privado, de ideoloxía católica e mesmo segregacionista”.
Segundo Ramón Vázquez e Xabier Ron, estas decisións da Xunta ideoloxicamente reaccionarias afectan aos dereitos constitucionais dos alumnos e alumnas a recibir unha educación non segregada. Para Alternativa, o Goberno do señor Núñez debe cancelar de contado os concertos con centros privados en todas as zonas onde exista oferta de prazas públicas e autorizar ao IES Chapela a impartir o grado superior de FP de Integración Social e retirarllo ao colexio ultracatólico Aloya.

No hay comentarios:

Publicar un comentario