23 oct 2013

AGE acusa á Xunta de facer uns orzamentos en que “todo baixa agás os xuros da débeda”

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou á Xunta do señor Núñez dunha “práctica contábel en que todo baixa agás os xuros da débeda”. Fíxoo a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, quen criticou con dureza os Orzamentos que esta mañá comezaron a discutirse no Parlamento de Galicia coa comparecencia da responsábel de Facenda, Elena Muñoz. Esta apenas fixo máis que intentar reproducir a cantarela do PP sobre que o país comeza a recuperación e adobialo todo con ideoloxía tecnocrática barata. “Os únicos que gañan son os seus amigos banqueiros”, afirmou Díaz, citando ao xornalista Robert Fisk, “os novos ditadores”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, o Goberno de Núñez parte de premisas falsas. “É falso que haxa un cambio de tendencia na economía”, asegurou Díaz, “este país está en crise e ten un Goberno incompetente, e ten a xente inserida nun bucle de dor”. A viceportavoz do grupo parlamentario advertiu á dereita de que “vai sendo tempo de que abandonen a doutrina Goebbeles e digan a verdade, estes son uns orzamentos antisociais”. Porque, para Díaz, “non pode haber crecemento económico se este non é superior ao 2%”. Todo nun contexto en que o desemprego acada o 22%. “Vostede presume de que pasaremos do 22% a un 21,7% de desemprego, pero a realidade é que no quinquenio Feijóo o número de parados medrou en 150.000”, denunciou a viceportavoz de AGE ante a conselleira do Partido Popular, “e hai 127.000 de longa duración”.
Nun apurado repaso polas liñas mestras dos Orzamentos para 2014, e percorrendo os cinco anos de Executivos do PP, Yolanda Díaz lembrou que o gasto “en termos reais” descendeu un 21% en sanidade, un 26% en educación e un 86% en vivenda. “A súa estratexia é esborrallar os sectores estratéxicos da protección pública, e para iso dótanse duns orzamentos procíclicos, xusto o contrario do que se debe facer”, argumentou. Alternativa Galega de Esquerda, a través da súa viceportavoz, esixiu, ademais, unha auditoría da débeda pública e acabou por retratar o Goberno do señor Núñez como “un goberno submiso, por aceptar os ditados de Madrid sobre financiamento, e un goberno irresponsábel na política fiscal, que sobe os impostos indirectos e baixa os directos e que amais minte ao dicir que persigue a fraude fiscal”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario