22 oct 2013

ANOVA MEAÑO OPONSE Á CREACIÓN DUNHA PISTA DE PÁDEL POR CONSIDERALA INNECESARIA

O Concello de Meaño levou ao último pleno municipal un proxecto para mellorar o Parque dos Pasales. Dito proxecto inclúe a creación dunha pista de Pádel. Dende Anova temos varias apreciacións que facer: a primeira é que nun concello como Meaño parécenos totalmente ridícula a creación dunha pista dedicada a un deporte tan elitista como o Pádel. Cremos que sería moito máis interesante impulsar deportes náuticos ou acuáticos como por exemplo o piragüismo, un deporte que neste concello xa tivo presenza, pero que a deixadez do equipo de goberno no apoio ao deporte, e no coidado do noso tramo de litoral, levaron á súa desaparición. 

Chámanos a atención tamén que no proxecto para os Pasales e o paseo non figure a reparación, mellora e posta en valor da hoxe existente área de servizo de autocaravanas, unha forma de turismo cada vez máis en alza, mellorando as instalacións e a súa sinalización, para facilitar a chegada desde outros puntos do Salnés e desde a Autovía. En concordancia con isto, dende o grupo local de Anova acabamos de presentar no Concello unha proposta para que se integre no proxecto para os Pasales a mellora e promoción desta área de servizo a autocaravanas. Por outra banda, tamén nos chama á atención que falando dos Pasales e do paseo non se falara nada, nin sequera no propio pleno municipal, de solucionar o problema dos cheiros da depuradora e o estado da Ría en Dena, un obstáculo moi grande que fai que veciños e visitantes non queiran achegarse ata este parque. Todo isto parécenos que define moi ás claras a maneira de actuar da nosa alcaldesa, que ignora os veciños (mesmo á Asociación de Veciños, que ata o de agora tiña a concesión dese terreo). Ademais actúa a impulsos, sen un proxecto definido, sacando dun sitio para parchear noutro, cando o normal nun equipo de goberno competente seria desemvolver un proxecto para o Concello e logo levalo a cabo, en base aos orzamentos municipais.

Nova no Diario de Arousa

No hay comentarios:

Publicar un comentario