9 oct 2013

Breve crónica da última asamblea comarcal de Anova Salnés

O pasado sábado 5 de Outubro tivo lugar en Cambados unha nova asemblea comarcal de Anova Salnés.

Foi unha asemblea algo atípica, no sentido de que tiñamos un punto, o da fronte ampla, que criamos que necesitaba moito tempo para o debate, polo que reducimos a orde do día, deixando algúns puntos, como a presentación de contas (en Anova Salnés presentamos as contas en cada asemblea, para que haxa total transparencia) para outra asemblea que se celebrara proximamente.

Polo que comezamos, da man dos compañeiros Xurxo, Ricardo e Andrea,  cun resumo da situación e do traballo de Anova na comarca. Expúxose como estaba a situación dos mariñeiros afectados pola regularización, os que damos todo o noso apoio, cales foron os pasos dados dende Anova e dende AGE, e acordamos, como non podía ser doutro xeito, seguir apoiándoos dentro das nosas posibilidades, tanto dende o parlamento como  dándolles respaldo na rúa.

Tamén falamos da situación dos pensionistas que foron emigrantes, e que agora  teñen problemas con facenda. Falamos dos actos realizados, como o de Portonovo, que tivo moi boa acollida, sobre todo polo
formato, cun gran peso no aporte de información, mais aló de criterios políticos. E tivemos oportunidade de felicitar ós compañeiros de Ogrobe, que conseguiron que no pleno municipal se aprobara a apertura dunha oficina de información para os afectados por esta situación, algo que solicitamos noutros concellos da comarca sen resposta positiva. Dende logo estivemos de acordo na necesidade de seguir traballando na mesma liña, buscando aportar solucións antes que gañar rendas políticas.

Logo, da man da deputada Chelo Martinez e do membro da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente como Comisionado de Relacións Políticas,  Luis Eyre Dieguez, abordamos o tempo da formación dunha fronte ampla para acudir as eleccións ó Parlamento Europeo do próximo ano.  Eyre é un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas ás que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla, polo cal a súa visión foinos de gran axuda.


O resumo da súa exposición e do debate posterior é o seguinte.

É certo que as próximas eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais pensamos que ANOVA debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou ao menos nun ensaio xeral dunha eleccións para a ruptura democrática.
A crise económica derivada da crise financeira e agravada pola xestión que daquela está a facer a plutocracia e os seus monecos; a crise da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin da segunda restauración borbónica pola crise do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nas institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.
A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática,
nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.

Na nación galega, debe ser  un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.

Por iso, no noso país, para a conformación do suxeito político plural, ANOVA propón de novo a unidade de acción do nacionalismo e da esquerda baixo a fórmula da fronte ampla non excluínte co obxectivo de rematar coa segunda restauración e abrir paso a un proceso constituínte galego no que a soberanía nacional se exerza polo pobo, soberanía popular.

Pero imos máis alo.

No estado. Hai que conxugar nese escenario un proceso aberto para as catro nacións (Galiza, Euskal Herria, os Paises Cataláns e España en sentido estricto).E tamen precisamos alianzas coas forzas cívicas e sociais, hai que conectar coa cidadanía e propiciar unha alianza coas forzas políticas rupturistas, para provocar un proceso constituínte (catro en puridade) que pasaría por unhas eleccións non ordinarias senón por unhas de fin de réxime.

A coincidencia das crises do réxime, da autonomía galega e económica abre a posibilidade dunha grande fronte ampla non excluínte pola ruptura democrática, conformada a partir  de suxeitos cívico-políticos plurais nas nacións que forman o Estado español, coa única condición de que a fin do réxime político dea paso a procesos constituíntes soberanos en cada unha delas.
O resumo e a conclusión  o que nos levou todo isto é o acordado por Anova:

1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.

2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.

No hay comentarios:

Publicar un comentario