5 nov 2013

ANOVA organiza en Vilagarcía a presentación do documental A FAZAÑA DA LIBERDADE

Terá lugar na sala de proxeccións do Auditorio de Vilagarcía, o mécores 6 de Novembro ás 20:00 horas e participará na mesma o director do documental, Seném Outeiro


O Grupo Local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Vilagarcía de Arousa ten o pracer de vos convidar á presentación e proxección do documental “A FAZAÑA da LIBERDADE”, que aborda a biografía de Alexandre Bóveda (1903-1936), un dos persoeiros máis relevantes da historia do nacionalismo galego. A presentación terá lugar no Auditorio de Vilagarcía o próximo mércores, 6 de novembro, ás 20:00 horas.

Está previsto que asista tamén o propio director do Documental, Senem Outeiro, que fará unha intervención de presentación do mesmo e tamén se instalará un posto de venda para as persoas interesadas en adquirir unha copia do documental.

O documental reconstrúe a vida e actividade de Alexandre Bóveda (1903-1936), un dos personaxes máis importantes da historia de Galiza. Facendista, economista, deseñador das Caixas de Aforros de Ourense e Pontevedra, impulsor do Estatuto de Galiza do 36, integrante do Seminario de Estudos Galegos, cofundador e Secretario Xeral do Partido Galeguista e, por riba de todo, patriota galego, un dos bos e xenerosos “entregado á causa galega” ata o dramático final, cando foi fusilado polos fascistas na Caeira – Poio. Máis información: http://afazanhadaliberdade.wordpress.com/

A idea do autor é achegarlle a vida e obra de Alexandre Bóveda ao público a través dunha peza audiovisual. Para iso traballou con fontes audiovisuais, cartas, fotografías e documentación sonora da época; e tamén con entrevistas directas a persoas que levan anos estudando a figura de Bóveda. O proxecto contou coa colaboración e apoio da Cátedra Alexandre Bóveda da Universidade de Vigo.

O Grupo Local de ANOVA de Vilagarcía quixo colaborar con este proxecto destinado a dar a coñecer mellor a historia da nosa terra e das persoas que loitaron pola defensa da mesma. Coidamos que moitas das análises e propostas que no seu día elaborou Alexandre Bóveda están máis vixentes ca nunca e que é preciso coñecelas para entender a necesidade de loitar por unha patria soberana. Facemos nosas as súas verbas pouco antes de ser fusilado: “A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente, xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis aló da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo, até me gustaría morrer pola miña patria”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario