26 nov 2013

ANOVA – RIBADUMIA ORGANIZA UNHA CHARLA EN BARRANTES PARA INFORMAR SOBRE A REFORMA DAS PENSIÓNS.

Será o próximo xoves, 28 de novembro, as 20.30 H. no Centro Social de Barrantes e intervirán Enrique Oubiña e Xurxo Charlín Trigo, Asesor fiscal e tributario.

A Agrupación local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Ribadumia ten organizado un acto público para informar sobre as últimas reformas lexislativas que van a afectar as pensións. Será o próximo xoves, 28 de novembro, as 20.30 Horas, no Centro Social “San Andres” de Barrantes, e no mesmo intervirán Enrique Oubiña Lago, Concelleiro na corporación municipal do Concello de Ribadumia e Xurxo Charlín Trigo, Colexiado mercantil e Asesor fiscal e tributario.

O obxectivo do acto e poder explicar aos asistentes as modificacións que o Real Decreto Lei 5/2013 de “Medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo”  introduce no sistema de pensións e como nos van a afectar, tanto as persoas xa xubiladas, como aos traballadores actuais: Que supón que as pensións non vaian a actualizarse co IPC, ou como van a cambiar os períodos e bases reguladoras de cotización…. Ao remate haberá unha quenda de preguntas.

A reforma que pretende por en marcha o goberno Mariano Rajoy co apoio do Partido Popular aséntase sobre dúas patas, por un lado cambiar a fórmula de actualización das pensións, desligandoa do IPC; e polo outro relacionar a cuantía da pensión cunha nova variable: a esperanza de vida aos 67 anos.  As dúas propostas teñen o mesmo obxectivo definido polo propio goberno, frenar o aumento do gasto en pensións.  Todo este aforro ira sobre as costas dos pensionistas que irán acumulando ano a ano perda de poder adquisitivo, que segundo como sexa a inflacción anual pode chegar a ser de mais de 1.500 euros/ano nun período de 6 anos para unha pensión media de 980 euros/mes.

A parte de eliminar a actualización automática das pensións co cálculo do IPC, outras modificacións que introduce o decreto e que afectan negativamente aos traballadores actuais serían o aumento paulatino da idade de xubilación (ata os 67 anos), a práctica desaparición das causas de xubilación anticipada ou a ampliación do período de cálculo para a xubilación de 15 a 25 anos. Con esta reforma para poder percibir o 100% da base sera preciso ter un mínimo cotizado de 37 anos. Está calculado que as pensións futuras sufriran unha devaluación cercana ao 20%.

Esta reforma supón novamente cargar os efectos da crise financieira sobre as espaldas dos cidadáns e recortar un dos piares fundamentais do sistema de benestar: as pensións.  Todo coa intención de deteriorar o sistema de protección social e  “abrir unha vía de negocio” para moitas sociedades e compañias aseguradoras multinacionais: Os seguros de xubilación privados.

Dende ANOVA queremos denunciar esta situación e informar aos pensionistas actuais e futuros do que esta reforma vai a supoñer, polo que convidamos a todos os cidadáns interesados a asistir ao Charla que celebraremos pasadomaña no Centro Social de Barrantes, as 20.30 Horas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario