25 abr 2013

O Sergas privatiza a atención a través da limitación das listas de espera



As vías que escolle o Partido Popular para reducir o público son diversas. O anteproxecto de lei de garantías sanitarias contén unha das máis disimuladas: a través da limitación das listas de espera nos hospitais públicos a sesenta días, aumentará o desvío de pacientes a centros privados. Así o denunciou no pleno do Parlamento de Galicia a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla: “Cos seus recortes, vostedes saben que será imposíbel cumprir cos sesenta días e así os pacientes serán desviados á privada. Por certo, con listas de espera aínda maiores. Vostedes xogan coa saúde para beneficiar a catro empresarios”.

Solla esixiu, ademais, que o Sergas publique trimestralmente as denominadas listas de espera non estruturais. “Esta estatística foi creada pola consellaría en 2005 para manipular os datos da sanidade pública”, asegurou, “porque nese departamento son especialistas en ocultar información”. A parlamentaria de AGE solicitou de Sanidade as listas de espera non estruturais e recibiu por resposta un escrito de dúas liñas cunha ligazón que a remitía ás listas estruturais. “Os datos son nesgados e vostedes saben que hai xente que que agarda durante anos”, apuntou Eva Solla, quen lembrou como Alberto Núñez Feijóo, en 2007, alcumaba esas listas de espera non estruturais de “burato negro”. “O PP practica o oportunismo político, di unha cousa na oposición e outra no goberno”, rematou a deputada de Alternativa, “e póñense do lado escuro do capital e non coa xente”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario