24 abr 2013

Xosé Manuel Beiras acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder”

Xosé Manuel Beiras acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder” e de darlle a volta á democracia ao se negar a responder á oposición. “Nós solicitamos a dimisión do señor Núñez”, expón o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, “e veñen eles e queren controlar a oposición no canto de explicar o que se lles pregunta”
Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder”. “Somos nós, a oposición, os que estamos solicitando explicacións do presidente da Xunta, somo nós os que solicitamos a súa dimisión pola súa falta de ética e asúa querenza pola mentira”, explica, “e veñen eles, a dereita, darlle a volta á democracia e a esixir a dimisión da oposición”. Non só iso, o señor Núñez volveu ofrecer un recital de silencios estrondosos sobre o que se lle preguntaba, detalles da súa amizade co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado.
Aínda se fixo, co seu grupo, a vítima cando Beiras se achegou ao seu escano para lle esixir “decencia”.


“Estes individuos teñen unha visión totalitaria do poder”, explica o portavoz de AGE, “e lembra o que ocorreu nos anos trinta en Alemaña, no parábel ascenso de Arturo Ui [en referencia á obra do dramaturgo Bertolt Brecht], cando a dereita inventaba desculpas e provocacións para eliminar a esquerda do Parlamento”. Para Xosé Manuel Beiras, a teima do PP por inverter o sentido da realidade e das palabras é propia “dunha novela negra, pero de corte surrealista”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario